Novo paso no proxecto para crear unha nova senda peonil e ciclista paralela á estrada PO-551 en Bueu.
Tras dar luz verde o Consello da Xunta de Galicia á aprobación provisional da actuación, abriu o prazo de información pública.
Trátase dun proxecto que permitirá reforzar a conexión das praias de Lapamán, Portomaior e Agrelo cos núcleos de poboación mediante a creación dunha nova senda de 1,4 quilómetros.
Este novo itinerario sería de uso mixto para peóns e ciclistas non deportivos.
Todo iso cun investimento que rolda os 875.000 euros.
Tal e como explicaron nunha visita á zona do delegado territorial da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, acompañado do alcalde de Bueu, Félix Juncal, a intervención desenvolverase en dous tramos.
O primeiro discorrerá entre a glorieta de acceso á praia de Lapamán e a rotonda de Cela, conectando coas sendas xa existentes. O segundo pola súa banda continuará desde a contorna da rotonda de Cela até a intersección coa estrada EP-1304 e o acceso ás praias de Portomaior e Agrelo.
A nova senda terá unha anchura aproximada de 2 metros e executarase en formigón bicapa. Ademais, prevese a construción de muros de contención en varios treitos para minimizar o impacto das obras e garantir a integración na contorna.
O proxecto inclúe tamén actuacións complementarias como a mellora da drenaxe, a renovación da sinalización vertical e horizontal, a adecuación dunha parada de autobús con marquesiña, a instalación de varandas nas zonas con desniveis, a colocación de bancos e dun sistema de iluminación, así como a execución de canalizacións para futuras infraestruturas de telecomunicacións.