O Concello de Poio explicou aos veciños os detalles do proxecto de reforma da estrada PO-308 desde A Barca.
O Casal de Ferreirós, punto até o que se prolongará a humanización prevista, acolleu o encontro, no que técnicos municipais acompañados do alcalde, Anxo Moldes, detallaron como vai ser a renovación.
Trátase dun proxecto que contará cun investimento de 1,7 millóns de euros, financiado polo propio Concello coa axuda da Xunta de Galicia.
Contempla, segundo explicaron, a optimización do espazo público da vía con varias vías de actuación, empezando pola renovación do firme da calzada, pavimentando á súa vez beirarrúas e aparcadoiros. Ademais prevese humanizar o espazo con zonas axardinadas e mobiliario urbano co obxectivo de potenciar os desprazamentos a pé. Reservaranse zonas de carga e descarga e prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida.
É a primeira fase dun proxecto de reforma máis amplo e que terá continuidade até Casa Solla superando no seu conxunto os 4,8 millóns de euros de custo.
ESTRADA PORTOSANTO-CAMPELO
Tamén está previsto investir 1,8 millóns de euros para mellorar a mobilidade peonil na estrada provincial EP-0601 Portosanto-Campelo e na súa conexión coa PO-308.
A zona foi visitada con motivo diso polo propio alcalde e pola deputada provincial de Insfraestructuras, Isabel Couselo.
Entre outras cuestións, está previsto executar nesta zoan un itinerario peonil de 1,1 quilómetros de lonxitude.
En concreto serán dúas fases de actuación, empezando pola conexión da EP-0601 coa PO-308 para, despois, resolver os problemas de tráfico no tramo restante.