O PSdeG en Pontevedra fixa a recuperación da Deputación como obxectivo para 2027

Pontevedra
09 de maio 2026

David Regades, secretario xeral provincial, critica a xestión do PP no organismo provincial e Iván Puentes avoga por un cambio de ciclo na alcaldía da capital

Comité provincial do PSdeG PSOE en Pontevedra PSdeG PSOE Pontevedra

O PSdeG-PSOE de Pontevedra celebrou este sábado o seu Comité Provincial coa mirada posta nos comicios municipais do vindeiro ano.

Durante o encontro, o secretario xeral provincial, David Regades, sinalou que as expectativas da formación pasan por incrementar o número de alcaldías e retomar o goberno da Deputación de Pontevedra, tras un período que cualificou de "retroceso" administrativo e democrático.

Na súa intervención ante as 61 agrupacións da provincia, Regades cuestionou o estilo de goberno da Deputación, referíndose á saída do secretario xeral do organismo tras denunciar posibles irregularidades en procesos de oposición.

No ámbito industrial, o PSdeG contrapuxo os modelos de desenvolvemento da Xunta de Galicia e do Goberno central. Regades criticou a falta de plans de emprego autonómicos, centrados segundo a súa análise na industria do papel e do eucalipto, fronte aos proxectos estatais vinculados á fabricación de microchips e ao centro aeroespacial de defensa en instalacións de Indra.

O secretario provincial defendeu que a súa formación rexeitou ofertas de cargos públicos para acceder a alcaldías mediante o transfuguismo. Criticou as negociacións levadas a cabo en Lugo por parte de representantes populares tras o falecemento de concelleiros socialistas.

En materia de obras públicas, os socialistas destacaron o avance de proxectos como o túnel da entrada en Vigo pola A-52, a variante de Cerdedo e o nó de Bombeiros en Pontevedra.

Tamén se fixo referencia aos investimentos en depuración nas localidades de Ponteareas, Sanxenxo, Poio e A Illa de Arousa.

IVÁN PUENTES

Pola súa parte, o voceiro socialista en Pontevedra, Iván Puentes, referiuse á nova candidatura de Miguel Anxo Fernández Lores á alcaldía.

Puentes indicou que a cidade require unha renovación despois de catro décadas de presenza do actual rexedor no Concello.

A proposta socialista para a capital centrarase en políticas de vivenda, alternativas de lecer para a mocidade e proxectos de defensa do medio ambiente, buscando captar o apoio de votantes que reclaman un cambio na xestión municipal.