PSOE e Avante Poio, unidos nun proxecto "conxunto e integrador" para as municipais

Poio
03 de novembro 2022

A política municipal de Poio viviu este xoves o seu particular 'terremoto'. Gregorio Agís e Silvia Díaz anunciaron que PSOE e Avante Poio concorrerán xuntos ás próximas eleccións municipais de 2023 cun proxecto que definiron como "conxunto e integrador"

PSOE e Avante Poio selan o seu acordo de coalición PSdeG-PSOE de Pontevedra

A política municipal de Poio viviu este xoves o seu particular 'terremoto'. Gregorio Agís e Silvia Díaz anunciaron que PSOE e Avante Poio concorrerán xuntos ás próximas eleccións municipais de 2023 cun proxecto que definiron como "conxunto e integrador".

Arroupados polos socialistas Chelo Besada, Julio Casás e Rosa Fernández, así como por Rebeca Quintillán e Susana Portela, en representación da coordinadora de Avante Poio, ambos os dous dirixentes explicaron en rolda de prensa os detalles deste acordo de coalición.

Agís sostivo que este proxecto chega nun momento "clave" para Poio, ante un "cambio de ciclo" que os socialistas queren afrontar con persoas "preparadas e motivadas" que antepoñan o benestar da xente "por riba de calquera sigla política".

"Poio é o noso proxecto e a nosa ideoloxía", insistiu o candidato do PSdeG-PSOE, que avanzou que nesta candidatura terán cabida "todas aquelas persoas dispostas a traballar e a sumar para continuar consolidando ao municipio como un referente na nosa comarca".

O edil socialista explicou que foi "sinxelo" chegar a un acordo con Avante Poio "porque buscamos os mesmos obxectivos", conformando unha coalición que será "forte e competente" e que pretende involucrar a todos os sectores económicos e sociais do municipio.

Este acordo, que a asemblea de Avante Poio avalou nunha asemblea celebrada onte á noite, supón seguir avanzando, segundo Silvia Díaz, no diálogo iniciado hai meses para configurar xunto ao PSOE unha fórmula electoral "inédita, responsable, xenerosa e audaz".

"Temos a certeza de que este achegamento posibilitará a realización dun programa máis ambicioso para seguir transformando Poio", sinalou Díaz, que subliñou que o seu partido mantén o seu compromiso de "levar non seu ADN estar ao servizo da cidadanía".

Este pacto conta co aval da dirección socialista na provincia. O seu presidente, David Regades, bendixo este acordo ao entender que "é unha oportunidade para Poio" e contribuirá a que o municipio siga contando cun goberno "forte e solvente".

Ademais, este paso demostra, a xuízo do máximo responsable do PSdeG-PSOE na provincia, que a candidatura que encabezará Gregorio Agís "é capaz de sumar e aglutinar aos mellores", o que considera que é algo "positivo e definitivo" para os cidadáns de Poio.