O servizo de Gardacostas de Galicia recibiu este xoves unha nova patrulleira, a sexta desde 2018, coa que busca seguir avanzando no obxectivo de contar cunha flota de barcos "moderna e eficiente".
Así o sinalou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que participou no acto formal de recepción desta patrulleira, bautizada co nome de 'Punta Faxilda', que tivo lugar en Vilanova de Arousa.
Acompañado da conselleira de Mar, Marta Villaverde, Rueda asegurou que esta embarcación servirá para preservar o mar, o litoral, os recursos pesqueiros e, en definitiva, "a nosa vida de sempre e a que ten que vir no futuro".
Avanzou ademais que o goberno galego xa asignou orzamento para a adquisición dunha sétima patrulleira para un servizo que, segundo destacou, está dispoñible as 24 horas dos 365 días do ano.
"Son os primeiros que responden cando hai un incidente no mar", apuntou.
Os gardacostas galegos, lembrou o titular da Xunta, exerce labores de salvamento, actuacións contra o furtivismo e contra a contaminación mariña ou tarefas de controis e inspeccións sobre a actividade marítima e pesqueira.
Nas últimas tres décadas, os seus operativos salvaron a vida de 1.800 persoas e, só no último ano, realizaron case 10.000 inspeccións nas que se comisaron máis de 36.000 aparellos de pesca prohibidos e case 28.000 quilos de especies mariñas.
Traballan, reiterou o presidente galego, co obxectivo de "asegurar que os que traballan cumprindo a lei, que son unha inmensa maioría, teñan a garantía de que se persegue a aqueles que non o fan".
Gardacostas de Galicia conta na actualidade con 140 efectivos, dous helicópteros e nove bases distribuídas por todo o litoral galego.