Queixas pola reforma da N-541 ao seu paso por Calvelo en Tenorio

Cerdedo Cotobade
04 de novembro 2017

A veciñanza atópase con problemas para poder cruzar na estrada reformada debido a que agora con máis carriles non se contempla unha fórmula para que os residentes poidan atravesar esta vía. Representantes socialistas recolleron as queixas veciñais

Veciños e representantes socialistas na N-541 en Calvelo
Veciños e representantes socialistas na N-541 en Calvelo / PSOE de Cerdedo-Cotobade

Veciños de Calvelo, en Tenorio, dentro do municipio de Cerdedo-Cotobade mostraron a súa preocupación ante a reforma que se acomente da estrada Nacional 541. Sinalan que non se recolleron as peticións demandadas pola veciñanza e tan só se instalou un sinal de límite de velocidade a 50 quilómetros por hora para ese tramo.

Con todo, os residentes indican que teñen dificultades para cruzar esta vía que conta con máis carrís. Denuncian a falta dun paso elevado ou subterráneo e a presenza dunha rotonda que ofreza máis seguridade á circulación tanto dos vehículos como dos peóns. Así llo manifestaron aos concelleiros socialistas Regina Sobral, Lina Garrido e Andrés Rodríguez que visitaron a zona, acompañados polo deputado Guillermo Meijón.

Os veciños tamén indican que aqueles condutores que utilizan o cruzamento da saída á N-541 na zona de arriba de Calvelo contan con escasa visibilidade para poder incorporarse á estrada, sen que se observen solucións cando as obras atópanse na súa fase final.

Os representantes socialistas esixen ao presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que pida solucións ao Ministerio de Fomento, responsable da obra. O orzamento desta reforma ascende a 700.000 euros.