Queixas polas inundacións que causa o río Gallo en Cuntis

Umia
07 de xaneiro 2016

Segundo denuncia Veciñanza, a rúa Bernardo Sagasta, meses despois da súa inauguración, foi pechada ao tráfico e o recén construído "tanque de tormentas" quedou anegado

Desbordamento do río Gallo en Cuntis
Desbordamento do río Gallo en Cuntis / Veciñanza de Cuntis

Os veciños de Cuntis están a vivir nas últimas horas momentos de tensión debido ao caudal que baixa polo río Gallo ao seu paso polo centro urbano e as vivendas e negocios corren risco de quedar alagados. 

Desde a agrupación política Veciñanza denuncian esta situación e sinalan que a pesar dos gastos millonarios non se chegou a solucionar este problema nos tres puntos conflitivos do río Gallo en que se producen. 

A incidencia destas primeiras choivas quedou patente na rúa Bernardo Sagasta que tivo que cortarse ao tráfico durante a mañá deste xoves 7. Veciñanza indica que poucos meses despois de inaugurar esta rúa, considerada a obra estrela do mandato de Antonio Pena, do Partido Popular, con case medio millón de euros de orzamento, as precipitacións deixaron ao descuberto que hai problemas para o desaugadoiro e aláganse vivendas e locais comerciais. 

A construción do "tanque de tormentas" nas inmediacións da depuradora de Meira tamén resulta froito da crítica de Veciñanza ao sinalar que esta mañá viuse alagado. Tamén lamentan que en dirección a Caldas, o río Gallo cubriu os laterais da N-640. 

Esta agrupación considera absurdo colapsar con canalizacións as canles fluviais na confluencia do regacho de Trasponte co río Gallo. Indican que Augas de Galicia exclúe das zonas consideradas "inundables" ese traxecto e rexeitou as alegacións que foron presentadas pola oposición no anterior mandato e agora polo goberno local de Cuntis.

Ante esta situación, o colectivo reclamará no próximo pleno responsabilidades e a intervención do actual equipo de goberno para que se actúe.