Cuntis e Ponte Caldelas, con ríos desbordados e casas anegadas por segundo día consecutivo

Pontevedra
08 de xaneiro 2016
Actualizado: 15:51

Toda a comunidade rexistrou cifras elevadas de precipitacións nas últimas horas, pero hai unha localidade que sobresae entre todas as demas, Cuntis. Meteogalicia recolleu durante a xornada deste xoves 7 de xaneiro 141,8 litros de auga por metro cadrado, moi por encima dos datos rexistrados no medidor máis próximo, o de Caldas de Reis, con 60,5 litros

Así chove en Cuntis o 8 de xaneiro / PontevedraViva

Toda a comunidade galega rexistrou cifras elevadas de precipitacións nas últimas horas, pero hai unha localidade que sobresae entre todas as demas, a pontevedresa de Cuntis. A estación que Meteogalicia ten en Xesteiras recolleu durante a xornada deste xoves 7 de xaneiro 141,8 litros de auga por metro cadrado, moi por encima dos datos rexistrados no medidor máis próximo, o de Caldas de Reis, con 60,5 litros, e con todas as alertas activadas polo posible desbordamento do río Umia. As cantidades son as relativas a unha xornada. 

En Ponte Caldelas, nas primeiras horas do día desbordou o río Verdugo, deixando alagadas zonas como a praza, o campo de fútbol, parte do pavillón ou a nave municipal usada para gardar a maquinaria. De feito, os traballadores tiveron que saír da nave en canoa. As principais complicacións producíronse durante a madrugada, con baixos de casas e garaxes alagados, pero desde última hora da mañá están en relativa cambia a expectativa de se volve subir o nivel do río.

Tanto en Cuntis como en Ponte Caldelas van xa dúas xornadas con inundacións. A forza do temporal de choivas e vento motivou, entre as 6.00 horas do xoves e as 8.000 horas deste venres, que o Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia xestionase un total de 381 incidencias, 120 na provincia de Pontevedra, ás que habería que engadir outras rexistradas á primeira hora deste venres.

En Caldas de Reis, durante toda a madrugada e as primeiras horas da mañá, os servizos de emerxencias estiveron alerta ante o posible desbordamento, pero non chegou a saír da canle en ningún momento ao seu paso polo centro urbano. Si quedaron alagadas as sendas peonís tanto deste río como do Bermaña e houbo incidencias en varias parroquias do rural por estradas afectadas pola choiva e o río excedeu os niveis de 4,040 metros, de modo que se recomenda a todos os veciños manteñan todas as precaucións.

A comarca do Umia foi unha das que máis sufriu o azoute das condicións adversas e o 112 ten constancia de que o río Agra, entre os concellos de Portas e Caldas de Reis, creceu ata tal punto que os servizos de emerxencias de ambas as localidades prohibiron a circulación en varias estradas municipais.

 O 112 Galicia xestionou, ademais, numerosas incidentes relacionados con inundacións en vivendas, recibindo varias chamadas procedentes de Ponte Caldelas, onde un particular aseguraba que a auga no interior da súa vivenda alcanzaba o medio metro de altura