Queren instalar puntos para estudar os cambios da praias de Bueu con fotos sacadas polos cidadáns

Bueu
29 de novembro 2023

A asociacion ecoloxista de Bueu Anduxia ven de solicitar permiso a Portos de Galicia para instalar puntos para estudar os cambios da praias de Pescadoira e Beluso mediante fotos sacadas polos cidadáns

Punto Coastsnap Anduxía

A asociacion ecoloxista de Bueu Anduxia ven de solicitar permiso a Portos de Galicia para instalar puntos para estudar os cambios da praias de Pescadoira e Beluso mediante fotos sacadas polos cidadáns.

Trátase do CoastSnap, un proxecto a nivel mundial de seguimento da costa, especialmente das praias, a través da participación cidadá. Consiste na instalación dun pequeno soporte da aceiro orientado para que a xente poida facer fotos da praia dende ese punto en concreto e envialas a unha base de datos. Desta maneira co paso do tempo e miles de fotos e a través do tratamento informático das mesmas, pódese estudar a evolución da praia e da costa en xeral.

En CoastSnap participan universidades, asociacións e particulares de todo o mundo.

Hai algunhas bases xa instaladas na contorna da costa de Galicia na que a instalación sería similar a que se pretende en Bueu, como son a Praia de Rodas, nas Illas Cíes, ou na Praia da Lanzada, no Grove.

Segundo explican dende Anduxía, nas praias de Pescadoira e Beluso "a construción de estruturas portuarias nas súas inmediacións provocaron procesos de difracción e refracción das ondas, cambiando as súas direccións  de aproximación á costa e producindo unha modificación nas correntes de deriva que afectaron gravemente a forma en planta e o perfil das praias, de tal xeito que a súa forma en planta non se axusta á forma en planta en equilibrio estático ".

Dende a Asociación Ecoloxísta de Bueu Anduxía velan pola recuperación destes dous areais, e pretenden dar os pasos necesarios para a rexeneración dos mesmos, tentando mudar a situación actual a unha situación de equilibrio, como a existente antes da construción dos diques.

Co fin de dispoñer de datos propoñen a realización dun seguimento destas praias xunto coa Universidade de Vigo a través do sistema CoastSnap. Deste xeito resolveranse dúbidas sobre a taxa de transporte da area, é dicir, sobre a periodicidade das actuacións de rexeneración para manter unha anchura de praia uniforme en toda a sua lonxitude. 

O feito de instalar bases Coastnap en ambos areais permitirá a sua comparación, mellorando o coñecemento das dinámicas presentes en cada unha delas, que se traduce principalmente en como reacciona cada praia fronte aos diferentes estados de mar.