Mergullámonos nunha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" cunha sinxela receita de forno da man de Conservas Pescamar, que leva como principal ingrediente o atún claro.
O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destaca a súa achega en proteínas, superior ao dalgunhas carnes. O seu alto contido en Omega-3 beneficia a saúde do corazón e regula os niveis de colesterol e triglicéridos. A estas importantes calidades, hai que engadir os beneficios da súa presentación en aceite de oliva, que ademais contribúe a potenciar o seu sabor.
Para preparar esta deliciosa “Quiché" de atún claro en aceite de oliva Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 lata mediana de atún claro en aceite de oliva Pescamar
- 1 tomate
- 1 cabaciña
- 1 cebola
- 200 ml de leite evaporado
- 3 ovos
- Aceite
- Sal e pementa
- Para a masa: 150g de fariña, 75g de manteiga
Preparación:
Colocamos a fariña sobre o mármore en forma de volcán e poñemos no centro a manteiga en tacos pequenos, un pouco de sal e 2 ou 3 culleradas de auga. Traballamos lixeiramente a masa ata obter unha pasta ligada. Deixamos repousar 30 minutos.
A continuación, estiramos a masa cun rodete e forramos coa mesma un molde de torta. Picamos o fondo cun garfo e poñémola a cocer no forno durante 8 minutos.
Cortamos a cebola e fritímola en aceite de oliva a lume suave ata que comece a estar tenra. Engadimos o tomate e a cabaciña cortados en porcións e sofritimos.
Retiramos a mestura do lume. Enxugamos os ingredientes e mesturámolos co atún claro en aceite de oliva de Pescamar. Colocamos a mestura sobre a torta.
Batemos os ovos, engadimos o leite evaporado e sazonamos con sal e pementa. Cubrimos con esta crema a torta e cocemos no forno, a temperatura media, durante 45 minutos aproximadamente.
A “Quiché" de atún claro en aceite de oliva Pescamar é unha boa alternativa para un menú completo tanto en entrante, con pequenas porcións por comensal, como para prato principal.
Nuns días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de “A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.