Todas as persoas interesadas en explotar o quiosco da praia de Portocelo xa poden presentar as súas ofertas. O Concello de Marín busca inquilinos por catro anos, ata o verán de 2028.
O proceso de licitación vén de ser publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
Trátase do quiosco de venda de xeados e refrescos que sempre se coloca neste areal, que inclúe unha terraza e que pode estar en funcionamento entre o 1 de maio e o 31 de outubro.
O canon polo que sae a concurso este quiosco é de 1.560 euros, cunha fianza de 975 euros, e conta cunha superficie de 39 metros cadrados.
O abono total polas catro anualidades efectuarase por metades, debendo aboar o 50% con carácter previo á adxudicación da autorización nos dez días hábiles seguintes á notificación do requirimento da documentación necesaria, para despois proceder á adxudicación.
A presentación de ofertas debe realizarse telematicamente a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.
A explotación deste quiosco xa fora ofertada o pasado 28 de maio, pero o procedemento de adxudicación quedara deserto polo que o Concello decidiu intentalo de novo.