Un "radar económico" para decidir mellor: así é o novo Observatorio de Pontevedra

Pontevedra
13 de decembro 2025

Esta ferramenta ofrece un espazo de análise económica para facilitar información de interese concreta, real e continuamente actualizada, así como favorecer a creación de novas empresas

Jornada RSE del Foro Empresa Pontevedra
Jornada RSE del Foro Empresa Pontevedra / Foro Empresa Pontevedra

Foro Empresa Pontevedra celebrou este venres a súa sexta Xornada de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) coa participación de preto dun centenar de asistentes. A cita serviu como escenario para a presentación oficial do Observatorio Económico da Área e a Ría de Pontevedra, unha nova ferramenta de análise que incorpora o Sistema de Intelixencia Económica Territorial (SIET), orientado a detectar oportunidades de desenvolvemento nos ámbitos da Economía Verde, a Economía Azul e a Economía de Servizos e Comercio.

A xornada articulouse ao redor de tres mesas redondas que abordaron estes eixos estratéxicos. Na apertura, o presidente de Foro Empresa Pontevedra, Arturo Ramírez, explicou que o Observatorio nace co obxectivo de ofrecer información económica rigorosa, actualizada e útil para facilitar a toma de decisións, fomentar a creación de empresas sostibles, xerar sinerxías e atraer investimentos que impulsen o desenvolvemento económico da área.

O respaldo institucional foi un dos elementos destacados do encontro. O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, subliñou a capacidade de Foro Empresa Pontevedra para xerar espazos de debate e definiu o Observatorio e o SIET como "unha ferramenta fundamental".

Na mesma liña, a directora xeral do IGAPE, Covadonga Toca, defendeu a necesidade de crear espazos de diálogo entre empresas e axentes económicos e sociais, e puxo en valor o SIET como un instrumento para achegar a tecnoloxía dispoñible a empresas e administracións, especialmente en sectores crave. "Desde a cooperación avanzamos", sinalou, destacando que a ferramenta permitirá identificar oportunidades de crecemento.

Pola súa banda, o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, lembrou que Pontevedra é a sexta provincia española en xeración de emprego tecnolóxico. Reivindicou a importancia de contar con ferramentas como o SIET para apoiar a toma de decisións estratéxicas, especialmente en proxectos vinculados a solo empresarial e ao futuro Centro de Negocios que se proxecta na cidade.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo o foco na responsabilidade colectiva de protexer a contorna para as xeracións futuras e apelou ao compromiso do tecido empresarial como actor funfamental para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento máis sostible.

O relatorio inaugural correu a cargo de Pablo Junceda, director xeral de Sabadell Galego, quen destacou o potencial de Galicia como "unha terra chea de oportunidades" e a importancia de traballar de forma conxunta. Cualificou o SIET como unha ferramenta "espectacular" e ao Observatorio como un proxecto de "primerísimo nivel" que permitirá planificar mellor, xerar emprego e crear novas empresas. "O coñecemento é poder", afirmou, subliñando o valor de traballar con grandes volumes de datos fiables.

A continuación, Antonio de la Cruz, socio director de EOSA, presentou o funcionamento do Observatorio e do SIET, que xa ofrece informes sobre indicadores económicos, cadeas de valor, sector exterior, conectividad ou solo industrial. O ámbito territorial do Observatorio abarca tanto os municipios do interior como os vinculados á Ría de Pontevedra, integrando unha visión conxunta de economía verde, azul e de servizos.

De cara a 2026, o proxecto contempla a creación dunha Oficina de Intelixencia Territorial, que prestará apoio directo a empresas e proxectos tractores mediante diagnósticos, informes personalizados, formación e acompañamento estratéxico.

Jornada RSE del Foro Empresa Pontevedra (2)
Xornada RSE Foro Empresa Pontevedra

As mesas redondas permitiron profundar nos retos e oportunidades de cada un dos bloques. Na dedicada á Economía Verde, abordouse o potencial do sector forestal e da bioeconomía rural. Alfredo Fernández Ríos, director de XERA, defendeu a necesidade de xestionar os recursos desde o propio territorio para xerar maior valor engadido. César Iglesias, de INFIAR, alertou sobre o envellecemento do rural galego e avogou por políticas que faciliten a remuda xeneracional, a recuperación de terras e a prevención de incendios. Desde unha perspectiva social, Diego Chapela, da Fundación Xoán XXIII, puxo en valor a integración laboral de persoas con discapacidade en proxectos forestais innovadores.

No bloque de Economía Azul, analizouse a xestión sostible dos recursos mariños. Rosa Chapela, de CETMAR, destacou o papel da ciencia e a colaboración coas universidades para impulsar proxectos innovadores. María García Eyo, da Autoridade Portuaria de Marín, subliñou o peso económico e social do porto, así como o seu compromiso medioambiental. En representación de AGACOMAR, Pilar Otero defendeu a desestacionalización do consumo de produtos do mar e visibilizó o papel da muller no sector, onde traballan miles de profesionais.

A Economía de Servizos e Comercio centrou o último bloque, co comercio de proximidade e o turismo sostible como eixos principais. A concelleira Anabel Gulías apostou por protexer o tecido de pequenas e medianas empresas e por un modelo turístico que non desnaturalice a cidade. Romina Fernández, directora de Turismo Rías Baixas, lembrou que o turismo é un sector transversal cunha estratexia definida até 2030 e un investimento previsto de 45 millóns de euros. Pechou o bloque María Jesús Monterde, presidenta de CEDDD Galicia, quen reclamou unha maior implicación empresarial na inclusión de persoas con discapacidade e alertou sobre as barreiras tecnolóxicas que aínda persisten.

A clausura da xornada correu a cargo de Arturo Ramírez, quen agradeceu a implicación de relatoras, autoridades, empresas e fundacións, e reafirmou o compromiso de Foro Empresa Pontevedra cun desenvolvemento económico sostible, baseado no coñecemento, a colaboración e a responsabilidade social.

Jornada RSE del Foro Empresa Pontevedra
Xornada RSE Foro Empresa Pontevedra

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora