Foro Empresa Pontevedra celebrou este venres a súa sexta Xornada de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) coa participación de preto dun centenar de asistentes. A cita serviu como escenario para a presentación oficial do Observatorio Económico da Área e a Ría de Pontevedra, unha nova ferramenta de análise que incorpora o Sistema de Intelixencia Económica Territorial (SIET), orientado a detectar oportunidades de desenvolvemento nos ámbitos da Economía Verde, a Economía Azul e a Economía de Servizos e Comercio.
A xornada articulouse ao redor de tres mesas redondas que abordaron estes eixos estratéxicos. Na apertura, o presidente de Foro Empresa Pontevedra, Arturo Ramírez, explicou que o Observatorio nace co obxectivo de ofrecer información económica rigorosa, actualizada e útil para facilitar a toma de decisións, fomentar a creación de empresas sostibles, xerar sinerxías e atraer investimentos que impulsen o desenvolvemento económico da área.
O respaldo institucional foi un dos elementos destacados do encontro. O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, subliñou a capacidade de Foro Empresa Pontevedra para xerar espazos de debate e definiu o Observatorio e o SIET como "unha ferramenta fundamental".
Na mesma liña, a directora xeral do IGAPE, Covadonga Toca, defendeu a necesidade de crear espazos de diálogo entre empresas e axentes económicos e sociais, e puxo en valor o SIET como un instrumento para achegar a tecnoloxía dispoñible a empresas e administracións, especialmente en sectores crave. "Desde a cooperación avanzamos", sinalou, destacando que a ferramenta permitirá identificar oportunidades de crecemento.
Pola súa banda, o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, lembrou que Pontevedra é a sexta provincia española en xeración de emprego tecnolóxico. Reivindicou a importancia de contar con ferramentas como o SIET para apoiar a toma de decisións estratéxicas, especialmente en proxectos vinculados a solo empresarial e ao futuro Centro de Negocios que se proxecta na cidade.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo o foco na responsabilidade colectiva de protexer a contorna para as xeracións futuras e apelou ao compromiso do tecido empresarial como actor funfamental para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento máis sostible.
O relatorio inaugural correu a cargo de Pablo Junceda, director xeral de Sabadell Galego, quen destacou o potencial de Galicia como "unha terra chea de oportunidades" e a importancia de traballar de forma conxunta. Cualificou o SIET como unha ferramenta "espectacular" e ao Observatorio como un proxecto de "primerísimo nivel" que permitirá planificar mellor, xerar emprego e crear novas empresas. "O coñecemento é poder", afirmou, subliñando o valor de traballar con grandes volumes de datos fiables.
A continuación, Antonio de la Cruz, socio director de EOSA, presentou o funcionamento do Observatorio e do SIET, que xa ofrece informes sobre indicadores económicos, cadeas de valor, sector exterior, conectividad ou solo industrial. O ámbito territorial do Observatorio abarca tanto os municipios do interior como os vinculados á Ría de Pontevedra, integrando unha visión conxunta de economía verde, azul e de servizos.
De cara a 2026, o proxecto contempla a creación dunha Oficina de Intelixencia Territorial, que prestará apoio directo a empresas e proxectos tractores mediante diagnósticos, informes personalizados, formación e acompañamento estratéxico.
As mesas redondas permitiron profundar nos retos e oportunidades de cada un dos bloques. Na dedicada á Economía Verde, abordouse o potencial do sector forestal e da bioeconomía rural. Alfredo Fernández Ríos, director de XERA, defendeu a necesidade de xestionar os recursos desde o propio territorio para xerar maior valor engadido. César Iglesias, de INFIAR, alertou sobre o envellecemento do rural galego e avogou por políticas que faciliten a remuda xeneracional, a recuperación de terras e a prevención de incendios. Desde unha perspectiva social, Diego Chapela, da Fundación Xoán XXIII, puxo en valor a integración laboral de persoas con discapacidade en proxectos forestais innovadores.
No bloque de Economía Azul, analizouse a xestión sostible dos recursos mariños. Rosa Chapela, de CETMAR, destacou o papel da ciencia e a colaboración coas universidades para impulsar proxectos innovadores. María García Eyo, da Autoridade Portuaria de Marín, subliñou o peso económico e social do porto, así como o seu compromiso medioambiental. En representación de AGACOMAR, Pilar Otero defendeu a desestacionalización do consumo de produtos do mar e visibilizó o papel da muller no sector, onde traballan miles de profesionais.
A Economía de Servizos e Comercio centrou o último bloque, co comercio de proximidade e o turismo sostible como eixos principais. A concelleira Anabel Gulías apostou por protexer o tecido de pequenas e medianas empresas e por un modelo turístico que non desnaturalice a cidade. Romina Fernández, directora de Turismo Rías Baixas, lembrou que o turismo é un sector transversal cunha estratexia definida até 2030 e un investimento previsto de 45 millóns de euros. Pechou o bloque María Jesús Monterde, presidenta de CEDDD Galicia, quen reclamou unha maior implicación empresarial na inclusión de persoas con discapacidade e alertou sobre as barreiras tecnolóxicas que aínda persisten.
A clausura da xornada correu a cargo de Arturo Ramírez, quen agradeceu a implicación de relatoras, autoridades, empresas e fundacións, e reafirmou o compromiso de Foro Empresa Pontevedra cun desenvolvemento económico sostible, baseado no coñecemento, a colaboración e a responsabilidade social.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.