RADIO.- A Playlist: Fai un Fortes de carallo!

Pontevedra
23 de setembro 2017

O importante é que falen dun... aínda que sexa ben. Con ou sen intención, é unha tesitura habitual para Xabier Fortes. Xornalista pontevedrés, comezou en radio e logo pasou á televisión, sempre en RTVE, onde é vicepresidente do Consello de Informativos. Nesta Playlist de PontevedraViva Radio, fala dos seus gustos musicais e de si mesmo... para ben e para mal

Xabier Fortes
Xabier Fortes / Mónica Patxot

Trinta anos de profesión xornalística, sempre no ente público de RTVE, curten a Xabier Fortes López. Unha profesión pola que non sentiu vocación temperá, aínda que aos seus oito anos era lector de Cambio 16.

Cando chegou á Complutense, no Madrid dos 80, un dos seus profesores suxeriulle: cambie de carreira. De neno "a miña ilusión era ser militar",un desexo que quedou nun cameo xunto ao seu pai en "Os xirasois cegos" de José Luis Cuerda. Ser fillo de Xosé Fortes Bouzán deixa sinal.

Seareiro, comparte o azul e o grana(te) co Caroi, do que é presidente por insubmisión, romanticismo e nacemento. E ollo, cando chegan os piques coa súa moza, María del Carmen Iglesias, viguesa de orixe, advírtelle: "sabes que algún día serei presidente do Pontevedra".

Ela, coa que comparte tres fillos, defíneo como un personaxe contraditorio. Isto é: socio do Casino que acode ao baile da Peregrina -con rigoroso traxe esmoquin-, e  ao que acusan de ser máis vermello que a mapoulas. Os seus detractores cualifícanlle de "bolivariano do Casino" e os seus amigos pregúntanlle como é que o PP non lle propón como alcalde.

A súa etapa á fronte de La Noche en 24 horas foi a máis golosa da súa traxectoria xornalística. Imperdible aquel último programa de agosto de 2012 no que se marcou un 'unplugged' con Antón Reixa. Fai un Fortes de carallo!.