RADIO.- A Playlist: Maica Larriba, llegan nuevas experiencias y emociones con Mario

Pontevedra
27 de xaneiro 2018

Militante activa do socialismo, Maica Larriba foi recentemente elixida secretaria xeral da agrupación local do PSdG-PSOE en Pontevedra. No seu paso pola Playlist de PontevedraViva Radio coñecemos a unha muller namorada da súa profesión como docente e do seu primeiro e recente neto

Maica Larriba na Playlist de PontevedraViva Radio Mónica Patxot

Comprometida cos valores do socialismo democrático, Mari Carmen Larriba non foi capaz de quedar de brazos cruzados despois de que se producise a dimisión de Pedro Sánchez e levoulle a esta tesitura de xaneiro de 2018: nova secretaria xeral da agrupación do partido en Pontevedra. Anteriormente fora concelleira no Concello de Pontevedra e delegada da Presidencia da Xunta na provincia.

A maior de cinco irmáns, asumiu a responsabilidade de non defraudar nos seus estudos superiores a Amador e Carmela. O aroma das mantecadas de nata que se facían en casa dos seus avós Aurora e León lévanlle ao nadal da infancia. Alumna de sobresalientes, estudou nas Calasancias e de alí, concretamente de quen era a súa profesora e logo foi compañeira de profesión, Mari Carmen Fernández Arruti, sacou a súa "paixón pola Historia e a Historia da Arte".

Moza "concienciada, comprometida e activa" politicamente durante a etapa universitaria, viviu a revolución estudantil da Transición en Santiago. Alí coincidiu co líder sindical Rafael Pillado ou co que logo sería empresario téxtil Adolfo Domínguez, entre outros moitos nomes. "As experiencias e emocións que puido vivir a miña xeración son inesquecibles", asevera Maica Larriba nesta Playlist de PontevedraViva Radio.

Tamén nesa etapa, e alí na cidade compostelá, coñeceu a un pontevedrés, que poucos anos despois converteuse no seu marido, Celso Malvar García de la Riega. Casou cando xa conseguiu exercer a súa profesión: "a máis satisfactoria e marabillosa do mundo, a docencia". Foi profesora en Vigo, Redondela, Marín e desde 1982 no Instituto da Xunqueira 1 de Pontevedra. Neste centro tivo como alumnos a actuais compañeiros de partido como Roxelio Pérez Agulla ou José Valcárcel.

Maica e Celso son pais de dous mozos: Anxo e Celso. Este último acaba de facelos avós, polo que Mario é desde finais do ano pasado "o neno dos seus ollos". E que ollos!.