RADIO.- Cara a cara: Alfonso Amado, recoñecemento reiterado para un pediatra 3.0

Pontevedra
24 de xaneiro 2019

Que fai este pediatra pontevedrés para obter durante dous anos os 'Doctoralia  Awards'? Tratamos de descubrilo no Cara a cara de PontevedraViva Radio

Alfonso Amado, neuropediatra, no Cara a cara de PontevedraViva Radio Mónica Patxot

Pacientes, especialistas e centros médicos, todos eles usuarios da web Doctoralia, deron por segundo ano consecutivo a un pediatra pontevedrés o seu recoñecemento. Os denominados 'Doctoralia Awards' recoñecen o traballo dos profesionais subscritos á web nas súas respectivas especialidades e de acordo á calidade das respostas que os facultativos achegan na devandita web.

Alfonso Amado Puentes é un facultativo, especializado en Neuropediatría, que traballa na Clínica Amado. Este recoñecemento interprétao no sentido de que 'estamos a ir no bo camiño e estanos poñendo no camiño adecuado'. A súa fórmula poderíase dicir que pasa, por unha banda, por romper os estereotipos clásicos dunha consulta médica. E por outra facer uso das ferrementas que posibilitan as novas tecnoloxías para facilitar as consultas e asistencias pediátricas.

Como explica Alfonso Amado no Cara a cara, buscaron reformular unha consulta de pediatría. "Desde que os pais deciden pedir unha consulta, buscan na internet un pediatra, queren ver a súa fiabilidade; como e cando piden a súa cita; como os imos a recibir na clínica, que datos necesitamos saber antes de ver ao paciente; se o neno vai estar cómodo na clínica, como van saír da consulta, que seguimento imos realizar tras unha cita..."

Dous pequenos exemplos desa forma de concibir a atención pediátrica é que non usan bata médica para evitar o rexeitamento que no menor adoita producir esa peza e que pode dificultar un óptimo recoñecemento. Ou tamén habilitar unha contorna adecuada para que o neno estea entretido mentres médico e proxenitores conversan e o primeiro non interfira.

Cóntanos en PontevedraViva Radio como, quen puido ser avogado ou xornalista, finalmente decantouse pola Medicina e finalmente pola Neuroloxía Infantil. E avanza Amado, como membro da Sociedade Europea de Pediatría Neurolóxica e está ao tanto dos avances desta especialidade: "o cerebro é o órgano gran descoñecido que nos últimos dez, vinte anos avanzou unha barbaridade. Os que estamos metidos niso vemos o futuro con moita ilusión porque vemos que é un campo que vai dar moitas alegrías".