RADIO.- Cara a cara coa primeira presidenta do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas

Pontevedra
06 de setembro 2018

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas tivo a unha muller como primeira presidenta. Daquilo cúmprense neste 2018 tres décadas. Charlamos en PontevedraViva Radio con Marisol Bueno

Mariso Bueno, no estudo de PontevedraViva Radio
Mariso Bueno, no estudo de PontevedraViva Radio

Tres décadas cumpre neste 2018 o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas; o terceiro en constituírse dos cinco existentes en Galicia. Naquel primeiro momento unha muller estivo á fronte da entidade, Marisol Bueno Berrio- Ategortúa e con ela charlamos en PontevedraViva Radio. A vinculación coa viticultura foi inicialmente por unha procura de lecer, comezados os 80 e acabou sendo a súa profesión. 

Eran contadas as adegas que entón se dedicaban ao cultivo de uva albariña e co apoio da Xunta e "as ideas claras", como di Marisol Bueno no Cara a cara, conseguiuse a día de hoxe que sexa a Denominación con maior produción de viño en Galicia. Para comezar houbo que facer un rexistro das viñas plantadas, controis de uva e a disposición das adegas a que se realizasen. A zona tiña que demostrar que existía a vontade de crear unha Denominación de Orixe.

En resumo: convencer a todas as partes vinculadas ao sector e profesionalizalas. O nome de Rías Baixas elixiuse porque se entendía que englobaba unha extensión turística con moito potencial, tanto como o viño que producía. Co tempo constituíuse unha Ruta do Viño, pioneira naquel momento; o gérmen do enoturismo actual. E algo fundamental, o viño de Rías Baixas coñeceuse e comezouse a consumir no exterior.

Preguntamos a esta adegueira tamén por unha reivindicación que expuxeron algúns concellos do Salnés: reubicar a actual sede do Consello Regulador, sita en Pontevedra, no Pazo de Mugartegui. E dadas as datas, tampouco podería faltar unha pregunta sobre a colleita de Rías Baixas neste 2018.