RADIO.- Cara a cara: O profesor que supervisa a Educación en Pontevedra

Pontevedra
07 de setembro 2017

Comeza o curso 2017-2018 e sentamos ante os micrófonos de PontevedraViva Radio ao xefe territorial de Educación, César Pérez Ares. Novidades, demandas, alumnado, profesorado, oferta formativa, etc... a administración autonómica neste Cara a cara

César Pérez Ares, xefe territorial de Educación no Cara a cara de PontevedraViva Radio Mónica Patxot

"Cada curso escolar ten as súas casuísticas" di César Pérez Ares, xefe territorial de Educación. Isto é, unha serie de circunstancias particulares. Circunstancias que incumben á novidade por exempo e como será este 2017-2018 a posta en marcha de E-Dixgal; a mellora da conectividade dos centros e persoais de profesorado.

Son as tres que cita este responsable da administración autonómica e que deixan fóra os autobuses escolares compartidos. Preguntado respecto diso indica que "non o menciono porque a provincia de Pontevedra é a menos afectada das catro. Ata o ano 2019-20 non se pechan os convenios coas empresas de transporte, polo que somos os menos afectados".

En canto ao profesorado e as críticas sindicais que falan de temporalidade e peor remuneración, Pérez Ares afirma neste Cara a cara de PontevedraViva Radio que "somos táboa media" no contexto nacional. 

Este curso, doutra banda, segue evidenciando o descenso da demanda de prazas en Educación Infantil, de feito pechouse unha escola unitaria en Meaño. Non se constata, segundo o xefe territorial, necesidade de construción de novos centros nos seguintes ciclos educativos - polo menos en Pontevedra e a súa comarca. Respecto diso aplaude a zonificación que se aplicou nesta capital.

Preguntamos tamén pola Formación Profesional e a oferta pioneira que se está ofrecendo nesta capital. É o caso da Xunqueira, onde o curso pasado saía a primeira promoción do ciclo formativo en grao superior de Integración Social e para o curso para comezar, oferta por primeira vez o ciclo de Promoción de igualdade de xénero.