RADIO.- En PontevedraViva Radio, o 8-M e as mulleres son as protagonistas

Pontevedra
05 de marzo 2018

Todos os programas de PontevedraViva Radio contarán coa presenza de mulleres e abordarán temáticas relacionadas coa poboación feminina, as súas reivindicacións e a celebración do 8-M, Día Internacional da Muller

Conversas na Ferrería en PontevedraViva Radio
Conversas na Ferrería en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Este luns 5 de marzo PontevedraViva Radio comeza unha semana na que a súa programación ten un punto de mira: a muller e o 8-M, Día Internacional da Muller. Para comezar semana, La Trastienda, presentado por Ramiro Espiño, contará cun faladoiro representado por mulleres vinculadas ao deporte para coñecer as súas realidades como mulleres en diferentes disciplinas e profesións do ámbito deportivo. 

Esa mesma xornada do luns PontevedraViva Radio comezará a difusión do magazine Sangre Fucsia. Entrevistas, cinema, arte, cómic, literatura, activismo, ciencia ficción, antropoloxía, historia... sempre cunha perspectiva moi feminista, moi crítica e ao tempo moi fresca.

Para o Cara a cara, que ademais cumprirá o seu programa número cen, contaremos con "Mulleres que opinan". Máis mulleres opinarán e expoñerán a súa visión nas Conversas na Ferrería. As redactoras en prácticas María López, Noelia Torres, Gabriela Varela e Alejandra Iannone compartirán micrófonos con outros catro mozos universitarios, como o seu compañeiro David Arana.

De igual forma El club de la esquina, conducido por Tino Domínguez, cede todo o protagonismo á muller. Nesta ocasión será dúas horas de programa; unhas corenta cancións interpretadas por grupos nacionais e internaciones como Fleetwood Mac, Los Angeles, Four Seasons, Tommy Roe, M-Clan, Brincos, Beatles, Formula V, Paul Anka e moitos máis...cun denominador común: todas con nome de muller. E para completar, A playlist de... tamén contará cunha coñecida muller dentro e fóra de Pontevedra.

Ademais as xornalistas PontevedraViva.com únense ao manifesto www.lasperiodistasparamos.es de acordo ao que traballadoras do xornalismo e a comunicación súmanse á folga convocada para o 8 de marzo.