Ata o 16 de maio, quen se achegue ao Hospital Provincial atoparase unha exposición que informa a través de imaxes sobre o dano cerebral. Leva por título 'Punto e seguido, a vida despois dano cerebral' e está organizada por FEGADACE, a Federación Galega de Dano Cerebral con cuxa directora, Begoña Hermida, falamos en PontevedraViva Radio.
"O dano cerebral adquirido é a primeira causa de discapacidade entre poboación adulta en Galicia" lembra. Estímase que en Galicia serían unhas 44.000 as persoas afectadas por un dano cerebral, afastadas das cifras oficiais pendentes dunha actualización desde hai anos. É unha discapacidade que na maioría dos casos está ocasionada por un ictus ou un traumatismo cranioencefálico.
As súas secuelas son moi diversas: motoras, sensoriais, orgánicas, cognitivas, conductuales, sociais e emocionais.
"En máis do 60% dos casos, a persoa afectada ten que comezar un novo proxecto de vida" explica. Aínda que o seu diagnóstico é rápido, si reclama "unha clasificación homoxénea cando a persoa é dada de alta no hospital. Que haxa un mesmo indicador diagnóstico que aglutine todas as causas que o provocaron", sumando ademais que "se produce unha ruptura asistencial" nese momento de abandonar o centro hospitalario.
FEGADACE, sinala a súa directora neste 'Cara a cara' conta con cinco asociacións na comunidade galega.
A súa acción en Galicia está consolidada e enfocada na prestación dos dereitos de atención en situación de dependencia. Traballan desde o asesoramento e información, pasando pola atención en centros de día ou un centro residencial dos que dispoñen, ata a organización de eventos como esta exposición agora instalada en Pontevedra e que a partir do 17 de maio tamén se instalará no Hospital do Salnés.