RADIO.- Hai que coidar "o benestar físico, mental e social para manter a independencia no último tramo da vida"

Pontevedra
02 de xaneiro 2024

O xerontólogo Miguel Anxo Álvarez promove a actividade física, mental e social, así como unha alimentación saudable para manter a calidade de vida das persoas maiores. Recólleo no último libro que publica e do que nos fala en PontevedraViva Radio

O xerontólogo Miguel Anxo Álvarez González no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio
O xerontólogo Miguel Anxo Álvarez González no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio / PontevedraViva

O xerontólogo Miguel Anxo Álvarez González volve ao podcast 'Cara a cara' para falarnos da súa última publicación, 'Educación para a saúde. A prevención e o coñecemento, piares fundamentais para o envellecemento activo'. Un título que pretende "manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores e facer coincidir no posible a esperanza de vida coa esperanza de vida libre de dependencia".

Expón a saúde, non só en termos asistenciais ou reparadores senón "o benestar físico, mental e social para manter a independencia no último tramo da vida". Un benestar que nos tres sentidos require actividade, dado que está demostrado cientificamente - como explica -, que o factor máis influente sobre a saúde é o estilo de vida. Aplicar esta máxima "permite alongar o ciclo vital con vitalidade, valla a redundancia". De igual forma ese estilo de vida saudable tamén supón coidar a alimentación e a vida social.

O libro non está á venda xa que unha vez máis colabora coa Federación de Pensionistas de CCOO para que o repartan de forma gratuíta nas súas sedes, e tamén para que se poidadescargar na internet.

Durante este 2023 Miguel Anxo participou en 47 conferencias por toda España; unha actividade que alterna co ámbito clínico, facilitando asesoramento a maiores moi dependentes.

O podcast completo pódese escoitar desde a ligazón que se adxunta e para descargar está dispoñible - tamén para escoitar -, na web de PontevedraViva Radio.