O plan municipal de compostaxe, especialmente a aposta polos centros de xestión comunitaria, son un "fracaso" e un "malgasto" do Concello para o líder dos populares en Pontevedra, Rafa Domínguez. Por iso, esixe a súa paralización inmediata e que o goberno dea explicacións sobre "este desastre".
A través dunha moción que se debaterá no próximo pleno municipal, o PP busca resposta a tres preguntas: por que se gastaron 100.000 euros en alugar terreos para unha planta que "nin sequera" está proxectada, por que Pontevedra envía cada ano máis lixo a Sogama e por que os 1.5 millóns destinados a este plan non se gastaron en asuntos "máis urxentes".
En calquera empresa privada, segundo Domínguez, estes datos implicarían o cesamento do responsable desta situación, pero neste caso o BNG "segue empeñado neste programa do malgasto e que non está planificado".
O portavoz popular lembrou que, a pesar deste balance, nas últimas semanas puxéronse en marcha ou se van a poñer en marcha composteiros comunitarios na Praza das Regas, Valdecorvos, A Parda, Ponte Boleira e Camiño de Ferro.
Por iso, pide ao BNG que "recapaciten" e que retiren estes centros comunitarios porque a cidadanía "non está a asumir este plan". Tanto é así, dixo, que se a partir do 26 de maio convértese en alcalde retirará todos os que hai no núcleo urbano.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.