Preto de 140 avais, cinco veces máis dos esixidos, presentou Rafa Domínguez para poder formalizar a súa candidatura para o décimo terceiro congreso local que organizará o PP de Pontevedra para renovar a súa cúpula directiva na cidade.
Entre os apoios recibidos por Domínguez destacan, entre outros, o da persoa que substituirá a Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta, o seu vicepresidente Alfonso Rueda.
"Estou completamente agradecido a todos os afiliados que dedicaron o seu tempo en depositar a súa confianza na miña candidatura", dixo o actual líder do PP pontevedrés.
O comité organizador proclamará as candidaturas oficiais esta mesma semana, unha vez se comprobe que as mesmas reúnen os requisitos esixidos e verifique a validez dos avais, aínda que non se espera que haxa alternativa a Rafa Domínguez.
Domínguez mostrou a súa confianza en que este proceso fará do PP de Pontevedra "un partido aínda máis forte e aberto", co obxectivo de chegar á Alcaldía nas eleccións municipais previstas para maio de 2023.