Rafa Domínguez asegura que "Lores está haciendo un discurso de fin de ciclo, muy similar al que tuvo Fraga"

Pontevedra
29 de outubro 2025
Actualizado: 14:34

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra presentou este mércores un plan de modernización integral para o pavillón deportivo da Cidade Infantil Príncipe Felipe

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra / Cristina Saiz

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou este mércores un proxecto de modernización integral do pavillón deportivo da Cidade Infantil Príncipe Felipe, unha actuación que busca pór ao día unhas instalacións "esenciales para centenares de familias".

Segundo explicou Domínguez en rolda de prensa, o proxecto atópase na fase final de redacción e contará cunha partida de 1,4 millóns de euros nos próximos orzamentos provinciais. Esta iniciativa súmase ao investimento recentemente comunicado de 3,6 millóns de euros destinado a mellorar a eficiencia enerxética do edificio principal deste complexo educativo, social e deportivo.

O vicepresidente provincial aproveitou a comparecencia para responder as críticas do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen acusou á Deputación de "discriminar" o Concello da capital na repartición de axudas.

Domínguez foi tallante ao declarar que "Lores miente cuando dice que la Deputación no invierte en Pontevedra". O dirixente popular lembrou que o Concello recibe 2,5 millóns de euros en transferencias a crédito, unha cantidade que, dixo, "es la paga que da la Deputación a Lores para que haga lo que quiera con ella".

Ademais, acusou o rexedor nacionalista de "confundir a propósito" eses fondos cos investimentos totais que a institución provincial executa directamente na cidade.

O vicepresidente recalca que o Concello de Pontevedra ten "exactamente la misma paga" que tiña antes de que o Partido Popular chegase ao goberno da Deputación "la misma paga que le dio durante ocho años el señor Mosquera y no se quejó nunca", engadiu en referencia ao oito anos que gobernaron en coalición o PSOE e o BNG.

Domínguez defendeu que o goberno de Luís López incrementou "de forma muy importante" os investimentos na capital, até alcanzar "un millón de euros al mes".

En ton político, interpretou as críticas do alcalde como un síntoma de nerviosismo, apuntando que Lores "está en pánico" porque "conoce las encuestas, ve que cada día lo estamos haciendo mejor desde la Deputación, ve la magnífica gestión que llevo hecha en dos años en el Museo de Pontevedra" e activou o "modo electoral".

O tamén portavoz do grupo municipal do PP en Pontevedra concluíu comparando a actitude do alcalde coa dos vellos liderados: "Lores está haciendo un discurso de fin de ciclo, muy similar al que tuvo Fraga" e concluíu que o nacionalista "sólo puede aspirar a ser el mejor de los perdedores para gobernar".

RESPOSTA DO ALCALDE

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, respondeu ás declaracións do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, reiterando a súa denuncia polo "trato discriminatorio" que, ao seu xuízo, sofre a capital por parte do ente provincial.

"Teño que agradecerlle ao señor Domínguez a súa claridade, porque recoñece que durante o ano 2024 o Concello de Pontevedra só recibiu 2,5 millóns de euros en transferencias", afirmou Lores. O rexedor lembrou que esta cifra "nada ten que ver coa media de 3,7 millóns que recibía da anterior Deputación".

Segundo explicou, este descenso nas achegas provoca que "nove concellos con menor poboación recibisen máis fondos ca Pontevedra", e subliñou que se trata de municipios con entre 12.000 e 20.000 habitantes, fronte aos 85.000 da Boa Vila. "Estamos a falar da capital da provincia e sede da propia Deputación", recalcou.

Lores asegurou que continuará reclamando "os dereitos que lle corresponden á cidade e aos veciños de Pontevedra" fronte a unha Deputación que "está ninguneando á capital da provincia".

REFORMA DO PAVILLÓN

En canto á reforma proxectada no Pavillón do Príncipe Felipe, o obxectivo é adaptar todos os espazos desta instalación deportiva aos estándar contemporáneos de calidade, con especial atención á seguridade, a accesibilidade e a eficiencia enerxética.

Entre as actuacións previstas destacan a creación dunha bancada accesible, a reforma integral dos vestiarios e aseos do público, a instalación dun novo pavimento deportivo polivalente, a modernización do ximnasio e a sala de judo, a dotación de almacéns para material deportivo e de mantemento, e a substitución do marcador electrónico por un modelo de última xeración.

"No se trata de hacer obras, sino de mejorar la vida de las personas", subliñou Domínguez durante a súa intervención.