Rafa Domínguez pide explicacións públicas a Lores sobre o peche de Elnosa

Pontevedra
26 de novembro 2018

O portavoz do grupo municipal do PP sinala que está sorprendido porque o alcalde de Pontevedra culpe á empresa da marcha cando, di, que foi a "sinrazón de Lores a que levou a esta situación"

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do PP PontevedraViva

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do Partido Popular, quere que Miguel Anxo Fernández Lores explique publicamente por que Pontevedra perde 150 postos de traballo e 55 millóns de euros co peche de Elnosa. 

O representante do PP pregúntase por que a empresa propietaria da cloreira, a portuguesa Bondalti, inviste na fábrica de Torrelavega, en Cantabria, mentres que en Pontevedra ten que pechar. Domínguez cre que a "sinrazón de Lores levounos a esta situación". Acusou ao alcalde de "cinismo" porque agora, segundo o popular, afirma que non ten nada que ver coa marcha da empresa.

Domínguez sinala que en Torrelavega faise unha festa pola chegada dunha empresa mentres que o BNG organiza outra porque se vai e expresou a súa tristeza porque familias de traballadores teñan que "emigrar" a Cantabria para poder continuar traballando.

Por este motivo, os populares reclaman explicacións públicas do alcalde sobre este tema. No caso de que non se produzan, estudará a posibilidade de levar o tema ao pleno.

Arquivado en