Rafa Domínguez ve "claramente insuficiente" a moratoria de taxas e pide que se anulen

Pontevedra
08 de abril 2020

Domínguez entende que o Concello "non pode cobrar" por servizos "que non está a prestar", polo que debe eximir do pago destas taxas ata que non termine o estado de alarma e se consolide a recuperación da economía tras a crise do coronavirus

Controis da Brilat e da Policía Nacional no centro de Pontevedra Diego Torrado

A nova moratoria no pago de taxas, aprobadas polo goberno municipal, "va en contra" da recuperación económica da cidade, segundo denunciou o Partido Popular. O seu portavoz, Rafa Domínguez, considera que esta medida é "claramente insuficiente".

Domínguez entende que o Concello "non pode cobrar" por servizos "que non está a prestar", polo que debe eximir do pago destas taxas ata que non termine o estado de alarma e se consolide a recuperación da economía tras a crise do coronavirus.

"Non podemos apoiar medidas que son manifestamente inxustas", engade o líder popular, que explica que esta decisión deixa "en graves dificultades" a gran parte dos pontevedreses

En concreto, o PP pide que se anulen as taxas derivadas do recibo da auga, lixo e redes de sumidoiros, as de ocupación de vía pública por mesas e veladores e as da venda ambulante a aqueles negocios e traballadores de Pontevedra que visen interrompida a súa actividade durante a crise do coronavirus.

O dirixente do PP pontevedrés lembra que o Concello presumía de "solidez económica" hai uns meses e agora "debe suspender" o pago destas taxas e cobralas de maneira parcial a partir do momento no que reabran os comercios.

"Nun momento no que os comercios están pechados e os autónomos non teñen ingresos non pode ser unha medida adecuada o pospoñer a cobranza de taxas para cando teñan que abrir teñan que pagar o dobre", conclúe Domínguez.