"Eu creo que que o rei (emérito) veña aquí é un sinal de normalidade. Creo que é bo para Sanxenxo. E non hai ningún razón para que sempre que veña alguén se empeñe en montar o espectáculo". Con estas palabras, o ex presidente do Goberno Mariano Rajoy quixo resolver a polémica suscitada pola visita de Juan Carlos I ás Rías Baixas, a segunda desde o seu exilio en Abu Dabi.
Rajoy, de escapada de fin de semana en Sanxenxo, e nun acto de precampaña do PP con Telmo Martin, pediu "empezar a normalizalo". "O que me gustaría é que isto se normalizase e non se vise coma se fose unha cousa rara", insistiu e engadiu que "el vén aquí, vén a unha regata, leva regateando toda a súa vida, non fixo nada".
Engadiu, ademais, "con absoluta franqueza", que "como veciño, que o son, a miña casa está en Sanxenxo, estou moi contento de que veña aquí".
Mariano Rajoy recoñeceu a polémica, pero cre que non ten fundamento. "Xa se que hai xente que dirá o que lle apeteza, pero a min comprenderá vostede que a estas alturas da vida, tráeme absolutamente sen coidado", engadiu.
"Xa se que hai xente que dirá o que lle apeteza, pero a min comprenderá vostede que a estas alturas da vida, tráeme absolutamente sen coidado"
Dentro desa normalidade que pide, e do perfil baixo e discreto que está a manter o monarca desde a súa chegada o mércores, Rajoy sinalou que non se reunirá con el durante a súa estancia "porque imos darlle normalidade a isto".
Ademais, aproveitou para glosar os logros do antigo xefe de Estado. "O Rey Juan Carlos foi unha gran figura da historia do século XX", sinalou, para pasar a enumerar os seus logros. "Capitaneou probablemente o acontecemento político máis importante que se produciu en España, que foi a transición do réxime anterior a un novo", ademais de promover a Constitución e de que, durante o seu reinado, o país entrou na Unión Europea e no euro. É "unha xestión que está aí".
Tamén Telmo Martín, a preguntas dos medios de comunicación, referiuse á visita de Juan Carlos I. "Calquera persoa que veña aquí a Sanxenxo é benvida sempre, sexa do mundo dos negocios, da política, da cultura…".
Como xa dixo nos últimos días, está "encantado" de "recibir a persoas aquí todos os días e o Rey Juan Carlos é unha persoa máis entre todos". Negou que vaia a reunirse ou se reunira con el porque "non podo ter (encontros) con todas as persoas".