Marín, cos 6,5 millóns de fondos europeos xa confirmados, estuda que proxectos priorizar

Marín
09 de xaneiro 2026
Actualizado: 11:37

A alcaldesa explica que Marín poderá realizar investimentos transformadores nas barriadas da Cañota, Virxe do Carme e San Pedro, así como na conexión da Lameiriña e o entorno do centro de saúde

María Ramallo presenta a estratexia 'Marín 360'
María Ramallo presenta a estratexia 'Marín 360' / Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, informou da aprobación de maneira definitiva por parte da Unión Europea da concesión de 6,5 millóns de euros para desenvolver o Plan de Actuación Integral Marín 360.

É unha inxección económica que permitirá, destaca Ramallo, poñer en marcha investimentos "claramente transformadores" en varios barrios da vila que precisan unha renovación profunda.

Segundo explicou a rexedora, esta nova senda financeira fará posible a execución de catro proxectos estratéxicos cun horizonte de catro anos.

O seguinte paso será organizar o calendario de actuacións, priorizando neste primeiro ano a redacción dos proxectos técnicos e a posta en marcha daquelas intervencións que xa están preparadas para comezar.

O plan Marín 360 ten un claro foco nas barriadas.

Un dos puntos máis importantes será a barriada de Virxe do Carme, onde se creará unha zona de transición verde entre o barrio e a senda do río Lameira, un espazo que xa está a experimentar un cambio importante grazas ás obras que executa Augas de Galicia.

Ademais, melloraranse os viais que rodean a barriada, é dicir, Francisco Landín, Souto, Busto de Abaixo e Calzada, actuacións que se suman á reforma integral do Pavillón do Sequelo, chamada a supoñer "un antes e un despois" para toda a contorna.

San Pedro e A Cañota serán outros dous barrios protagonistas.

En San Pedro, o proxecto contempla unha urbanización completa, con melloras nos pavimentos, beirarrúas, mobiliario urbano e zonas verdes.

Tamén se actuará no Estadio, coa renovación do graderío, a mellora do peche perimetral e medidas para aumentar a eficiencia enerxética. Ademais, estudarase unha mellor conexión co barrio do Sequelo a través da rúa Jaime Janer.

Na Cañota, pola súa banda, renovarase a praciña central, modernizarase o local municipal e humanizaranse as rúas Cañota e Carballiño para facilitar a conexión con Concepción Arenal.

O plan tamén chega á Banda do Río e ao Casco Vello, onde se rexenerarán as rúas Lameira e Exército e Marina.

Entre as actuacións previstas figuran a reforma da cuberta e das instalacións do mercado e a mellora da accesibilidade á Finca de Briz, dous puntos clave para a vida social e comercial da zona.

María Ramallo pechou a súa intervención lembrando que a boa xestión dos anteriores fondos FEDER "foi determinante para acadar esta nova axuda europea".

"Temos experiencia en desenvolver plans transformadores e en cumprir cos obxectivos marcados, e iso foi o noso mellor aval para volver conseguir unha financiación deste nivel", concluíu.