Raquel Comesaña, alumna do CEIP Portonovo, gaña o concurso de "A mascota da auga"

Sanxenxo
20 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Sanxenxo xa ten imaxe para sensibilizar e concienciar sobre o consumo responsable da auga. A proposta da alumna de 6º de Primaria do CEIP Portonovo, Raquel Comesaña, foi a escollida entre máis de 600 debuxos presentados ao concurso “A mascota da auga”

Entrega de premios do concurso "A mascota da auga"
Entrega de premios do concurso "A mascota da auga" / Concello de Sanxenxo

Sanxenxo xa ten imaxe para sensibilizar e concienciar sobre o consumo responsable da auga. A proposta da alumna de 6º de Primaria do CEIP Portonovo, Raquel Comesaña, foi a escollida entre máis de 600 debuxos presentados ao concurso "A mascota dá auga". 

Na iniciativa, impulsada polo Concello de Sanxenxo e a emrpesa Espiña & Delfín, participaron os colexios da Florida, Magaláns, O Cruceiro, Portonovo, Nantes e O Telleiro.

A proposta gañadora é unha pinga de auga con rostro e corpo que ten na man unha buguina e unha táboa de surf emulando a icónica escultura da Madama de Silgar. O premio consiste nun vale por valor de 100 euros para consumir no comercio local de Sanxenxo adherido ao CCU Entretendas. O centro educativo no que estuda, o CEIP Portonovo, tamén ten premio, unha charla-taller participativa sobre o ciclo integral da auga.

O colexio con maior porcentaxe de participación en función da súa matrícula foi o CEIP Nantes (86,36 %) e recibe un vale de 150 euros para trocar por material escolar. Nos demais centros, a participación foi a seguinte, CEIP Magaláns (81,25 %), CEIP Cruceiro (70,59 %), CEIP A Florida (54,31 %), CEIP Portonovo (47,18) e CEIP Telleiro (45,16).