A programación estival de Sanxenxo contará con dúas novas feiras

Sanxenxo
22 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O paseo de Portonovo e a Praza da Fonte de Ramos acollerán dúas feiras diferentes este verán 

Feira Multisectoral de Portonovo, na rúa Rafael Picó, xunto ao Paseo de Baltar
Feira Multisectoral de Portonovo, na rúa Rafael Picó, xunto ao Paseo de Baltar

A programación de Sanxenxo contará este verán con dúas novas feiras no Paseo de Portonovo e a Praza de Fonte de Ramos. 

O Concello busca con estas dúas propostas "enriquecer a oferta lúdica e dinamizar a actividade turística nas dúas vilas sen que, en ningún caso, supoña un prexuízo ao comercio local".

A empresa municipal de Vivenda e Solo Insula Sanxenxo acaba de sacar a concurso o Mercado ou Feira de Verán de Portonovo, un evento de interese turístico de calidade que recree a temática mariñeira aproveitando a idiosincrasia e tradición da vila. Está prevista a instalación de entre 70 e 80 casetas cunha superficie de ocupación de 720 metros cadrados aproximadamente desde finais de xuño ata o 1 de setembro.

A proposta de venda será variada e de carácter internacional, desde complementos ata artigos téxtiles, pero sempre respondendo a un estándar de calidade. En todo caso quedan excluídos do ámbito deste mercado os postos de carácter alimentario, sen que poidan ocuparse casetas destinadas á venda ou comercialización de calquera produto alimenticio ou bebidas.

O adxudicatario deberá abonar a Insua Sanxenxo pola autorización para a organización e xestión do mercado de Portonovo. un canon mínimo de 98.000 euros máis IVE, sen prexuízo das melloras que poidan ofertarse, así como o pertinente canon a Costas.

En Sanxenxo a feira centrarase na venda de produtos artesanais, entendendo como tales os bens e produtos de autor singulares pola súa orixe, nos que a intervención persoal sexa determinante no proceso de elaboración e acabado cuxo resultado sexa un produto final de factura individualizada. A duración proposta abarca desde o 15 de xullo e ata o 9 de setembro. A praza deberá dotarse dun sistema de sombra.