Ravella abre o proceso de participación cidadá do PMUS coa constitución da mesa da mobilidade 'Velaívai!'

O Salnés
17 de xuño 2022

Á primeira reunión, o vindeiro luns, en Vilaxoán, están convocados partidos, asociacións de veciños, Anpas, e axentes sociais e económicos como Zona Aberta, Ahituvi ou Arousa en Bici. Baixo o reclamo "Como nos movemos en Vilagarcía de Arousa", a empresa GEA21 presentará o plan de traballo e realizará o primeiro obradoiro

Edificio do Concello de Vilagarcía
Edificio do Concello de Vilagarcía / Concello de Vilagarcía

Dentro dos traballos previstos para a realización do Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS), o Concello de Vilagarcía vén de convocar para o vindeiro luns, a partir das 7 da tarde, no centrosociocultural de Vilaxoán, un acto co que se abre o proceso de escoita e reflexión pública sobre a modelo de mobilidade que Vilagarcía desenvolverá nos vindeiros anos. 

Un proceso titulado 'Velaívai!', en clara referencia ao programa que xa se vén executando baixo o título de Vai! e as súas derivantes: Vaibike! (préstamo de bicicletas), Vaibús! (transporte en bus) e Vaiapé! (metrominuto). Partidos, asociacións de veciños, Anpas e diversos axentes sociais como Zona Aberta, Ahituvi ou Arousa en Bici xa foron convocados formalmente.

Á iniciativa pode sumarse calquera veciño a título individual. O acto programado para o vindeiro luns, contará coa presenza dos técnicos da empresa contratada polo concello, GEA21.

Ademais de presentar a Mesa da Mobilidade, tamén se realizará un primeiro obradoiro para coñecer "como nos movemos en Vilagarcía de Arousa", que é o reclamo da reunión.

Ademais da participación presencial, o concello e a empresa abrirán tamén outro canle de escoita: unha enquisa dixital que poderá ser contestada a través da web www.vilagarcia.gal