Raxó repite como capital da artesanía e a gastronomía coa feira Chalana

Poio
06 de agosto 2014

Chalana manterase aberta dez días, ata o 17 de agosto, atendendo ao público todos días a partir das 20.00 horas e os domingos tamén pola mañá. A metade dos postos estarán destinados á artesanía e a outra metade á gastronomía e á promoción de produtos locais

Feira de Artesanía Chalana no Paseo de Odriozola Mónica Patxot

O peirao de Raxó converterase a partir do próximo venres 8 de agosto en epicentro da artesanía e a gastronomía galegas nas Rías Baixas. Será a partir das 20.00 horas, momento en que abran as casetas da feira Chalana.

Chalana manterase aberta dez días, ata o 17 de agosto, atendendo ao público todos días a partir das 20.00 horas e os domingos tamén pola mañá. O horario está adaptado aos costumes diarios dos veciños de Poio e turistas durante o verán, para complementar a oferta de ocio e restauración nas horas en que non están na praia e adoitan aproveitar para gozar Raxó. Segundo a concelleira de Cultura de Poio, Silvia Díaz, o seu obxectivo é converter Raxó como un punto atractivo para a chegada de visitantes e de persoas que "buscan produtos de calidade e alternativas de lecer".

Silvia Díaz presentou este mércores a segunda edición de Chalana despois do éxito alcanzado no ano 2013 e que este ano terá, como actividade complementaria, non só concertos de música tradicional, senón tamén o 'Raxonita Music Festival', o festival de música alternativa organizado pola asociación de hoteleiros de Raxó na zona portuaria entre os días 10 e 13.

A feira, organizada pola Asociación Deseño Atlántico en colaboración co Concello de Poio, terá como novidade que a metade dos postos estarán destinados á artesanía e a outra metade á gastronomía e á promoción de produtos locais. Postos de ourivaría, téxtil ou serigrafía compartirán espazo cun posto de produtos do mar, outro de queixos de Galicia e dous dedicados ás bebidas elaboradas na terra: a cervexa Meiga elaborada en Poio e o vermú Nordesía e a xenebra Nordés.

Os responsables da empresa que elabora Meiga, Luis Tilve e Andrés Granero, explicaron que no posto de Chalana poderán degustarse as tres variedades habituais da súa cervexa, Muiñeira (torrada estilo belga), Panadeira (trigo estilo alemán) e Carreteira (negra estilo inglés), pero tamén unha edición especial, a Cafeteira, unha variedade negra con gran de café de Brasil.