Reaberto o acceso á praia de Paxariñas tras o seu peche polo temporal

Sanxenxo
06 de febreiro 2017

Despois do paso de "Leiv", a Concellería de Seguridade reabriu este luns o areal e nas próximas semanas o Concello repoñerá os elementos danados da vía.

O acceso a Paxariñas foi pechado a mañá do domingo ata a súa valoración por parte dun técnico Emerxencias Sanxenxo

O primeiro temporal do ano obrigou esta fin de semana a restrinxir o paso aos veciños á praia de Paxariñas, que finalmente reabriu o seu acceso durante a mañá deste luns 6 de febreiro. A decisión de pechar a praia foi tomada con motivo do aviso de varios usuarios que alertaron sobre o posible derrubamento de rocas sobre a area.

Para comprobar a situación, a Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias realizaron o domingo ao mediodía unha inspección na que finalmente non se detectou ningunha incidencia e un técnico de Costas do Estado comprobou que a malla metálica que contén o cantil se atopaba en perfecto estado. A pesar diso, para evitar o paso daqueles curiosos que quixesen ver os efectos do temporal, a Concellería de Seguridade decidiu pechar o paso ao areal.

Non todo Sanxenxo saíu tan ben parado como o seu litoral: o Servizo Municipal de Emerxencias, en colaboración coa Policía Local e a empresa de recollida de residuos, atendeu ao longo da fin de semana 37 incidencias, dende farois, postes eléctricos e colectores derrubados polos fortes ventos ata a rotura de varios espellos nos cruces, que afectan á seguridade viaria.

O material danado repoñerase nas próximas semanas e mentres tanto os veciños poderán volver gozar da praia de Paxariñas, cunhas previsións metereolóxicas que se presentan tranquilas.