Reabre o parque infantil das Palmeiras tras un mes pechado para mellorar a súa seguridade

Pontevedra
28 de abril 2022

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acometeu durante as últimas semanas obras de mellora no parque infantil das Palmeiras cun investimento de 43.820 euros 

Reapertura do parque infantil das Palmeiras Concello de Pontevedra

Un mes despois do seu peche para acometer melloras de seguridade e renovación dos seus elementos, o parque infantil das Palmeiras, en Pontevedra, está de novo ao dispor dos máis pequenos.

Así o anunciou a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural tras acometer durante as últimas semanas traballos de conservación por valor de 43.820,15 euros.

En concreto os labores realizados supuxeron a reparación da totalidade dos elementos de xogo, substituíndo aqueles que se atopaban deteriorados, e a completa renovación do pavimento para adaptalo aos requisitos de seguridade que establece a normativa.

"O proxecto de renovación integral deste concorrido parque infantil das Palmeiras tamén supuxo a creación dunha costa de acceso á zona de xogo, o que elimina o problema de accesibilidade creado pola pequena elevación da área de lecer infantil sobre a cota das sendas que conectan os distintos espazos do parque", explicou nunha visita ao lugar o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.

Os traballos prolongáronse durante varias semanas xa que "foron moi exhaustivos", coa retirada de todo o pavimento deteriorado, o pintado e mellora estéticas de todas e cada unha das súas estruturas, a eliminación de pintadas e o lixado e tratamento dos elementos de madeira, sinalou o concelleiro.

Tras esta actuación o Concello ten previsto realizar restaurar durante as próximas semanas outras zonas de xogo do centro urbano "como o parque de maiores das Palmeiras, anexo a este", así como un zafarrancho de reparacións e melloras en todos os parques infantís do barrio de Monte Porreiro.