O Grove xa ten á súa disposición o novo recinto deportivo ao aire libre que se construíu na zona das Bizocas, en San Vicente.
As obras, nas que se investiron 1,14 millóns de euros, lograron recuperar un espazo que estaba abandonado, habilitándoo para a práctica de distintas disciplinas deportivas nunha contorna natural de alto valor.
Á inauguración deste complexo, entre outras autoridades, acudiron o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e o alcalde do Grove, José Cacabelos.

López, que lembrou que o goberno provincial ha financiado o 80% desta actuación -uns 930.000 euros-, celebrou que O Grove pase a contar cunhas instalacións deportivas "modernas e adaptadas aos novos tempos".
A actuación consistiu en crear un espazo deportivo aberto.
Conta con zonas de estancia, un parque de ximnasia, un circuíto de calistenia, unha cancha de baloncesto, un parque infantil e unha pista polideportiva cuberta.
"O proxecto xa tiña unha pinta bárbara no papel, pero ao velo en realidade é aínda mellor", subliñou López, que destacou que este espazo ofrecerá a posibilidade a persoas de todas as idades de facer deporte ao aire libre.
Foi unha obra "moi complexa", segundo subliñaron ambos os dirixentes, que agradeceron a colaboración da comunidade de montes de San Vicente.
Os dous convidaron a todos os veciños, aos visitantes e á comunidade escolar dos centros educativos da contorna a facer uso e gozar desta nova instalación deportiva.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.