Reclaman a Renfe que axuste os horarios á realidade laboral e social con máis trens e mellores prezos

Pontevedra
08 de abril 2022

O alcalde de Pontevedra recibiu á Plataforma de afectados pola redución dos servizos de media distancia de Renfe que reclama máis frecuencias

O alcalde recibiu á Plataforma de afefctados pola redución dos servizos de media distancia de Renfe
O alcalde recibiu á Plataforma de afefctados pola redución dos servizos de media distancia de Renfe

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Transportes, Demetrio Gómez recibiron este xoves á Plataforma de afectados pola redución de servizos de media distancia de Renfe, que se constituíu para reclamar á compañía ferroviaria que se axuste á realidade laboral e social con mellores horarios e frecuencias nas liñas Vigo-A Coruña e Ourense-Santiago-A Coruña.

Segundo explicaron no Concello, a posta en marcha do AVE supuxo unha redución das frecuencias e horarios dos convois.

A plataforma indica que cos actuais horarios non se permite a conciliación da vida familiar e laboral; e tampouco serven como transporte de destino ao traballo ou aos centros de estudo, dado que ou chegan ao destino demasiado tarde ou porque saen demasiado cedo para voltar aos seus domicilios.

Outro dos problemas trasladados ao alcalde foi os novos abonos "pouco flexibles e moi caros".

Para a Plataforma, a solución é crear un tren de proximidade como noutras zonas do Estado, que dea servizo específico ás vilas galegas atendendo ás necesidades reais dos seus usuarios.

Pola súa banda, o alcalde trasladoulles a posibilidade de que o pleno municipal trate unha declaración institucional de apoio ás súas reivindicacións.