Reclaman vías verdes a golpes… de pedal

Pontevedra
05 de setembro 2017

O día 17 de setembro, aproveitando a celebración da Semana Europea da Mobilidade, as asociacións de ciclistas Pedaladas e A golpe de Pedal Vigo xunto coa Asociación Salinas do Ulló de Vilaboa convocan, por segunda vez, marchas e actos reivindicativos

Marcha dos veciños para reivindicar a vía verde
Marcha dos veciños para reivindicar a vía verde

O día 17 de setembro, aproveitando a celebración da Semana Europea da Mobilidade, as asociacións de ciclistas Pedaladas e A golpe de Pedal Vigo xunto coa Asociación Salinas do Ulló de Vilaboa convocan, por segunda vez, marchas e actos reivindicativos.

Reclaman aos Concellos de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, a Adif e ao Ministerio de Fomento e ao Ministerio de Medio Ambiente unha Vía Verde entre Pontevedra e Vigo aproveitando as vías do tren e camiños xa existentes.

O proxecto reclamado sería unha Vía Verde entre Pontevedra, Redondela e Vigo aproveitando o trazado das vías do tren en desuso,  camiños, e estradas secundarias.

Entre Redondela, Chapela e a estación de Urzaiz de Vigo a reclamación é unha senda peonil- ciclista polo trazado de tren agora mesmo abandonada.

A asociación Pedaladas vai facer unha ruta en bicicleta de montaña que complete o percorrido entre Pontevedra (9:00 praza España) e Vigo parando en reunións de manifestantes en Arcade (10:30), Redondela (11:30) e Chapela (12:30). A ruta require de inscrición previa e esta limitada a 49 ciclistas pola lexislación vixente en materia de tráfico e non ser viable organizar unha manifestación multitudinaria e aberta ao público de 72 quilómetros.

A asociación Salinas do Ulló de Vilaboa vai facer unha ruta a pé polas vías do tren entre o local social de  Arcade (10:30) a Figueirido (11:30).

A asociación A Golpe de Pedal vai facer unha ruta en bicicleta por Vigo á que se unirá a que chega de Pontevedra sen limite de participantes e de acceso libre que rematará as 14:00 na Porta do Sol.