Pedaladas 'premia' ás administracións pola súa falta de compromiso coa mobilidade activa

Pontevedra
21 de setembro 2017

O colectivo ciclista entregou este mércores os premios Dinosauro de Ouro ás administracións e representantes políticos que dificultan a mobilidade en bicicleta na comarca, con 'recoñecementos' para o Misnitro de Fomento, a conselleira de Infraestruturas ou os concellos de Marín, Poio e Pontevedra

Quique Pérez e Manuel Torres, portavoces de Pedaladas e Masa Crítica
Quique Pérez e Manuel Torres, portavoces de Pedaladas e Masa Crítica / PontevedraViva

O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, xunto ás empresas Renfe e Adif, recibiron o primeiro premio Dinosauro de Ouro da Asociación Pedaladas.

Estes galardóns pretenden 'recoñecer' as decisións políticas ou a falta de compromiso que "están a lastrar a mobilidade activa", explicaron desde o colectivo.

A dubidosa honra do primeiro premio outórgase polos problemas que a empresa pública de ferrocarrís está a poñer para poder levar unha bicicleta no tren, augumentan desde Pedaladas. Ademais reclaman ao ministro a creación dunha vía verde aproveitando as liñas de ferrocaril en desuso.

Os premios, creados para 'animar' aos representantes políticos a que fomenten a mobilidade saudable a través da bicicleta, contaron tamén con catro Tartarugas de Prata para administracións como a Xunta de Galicia ou os concellos de Poio, Marín e Pontevedra.

No primeiro caso a destinataria foi a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, por non aprobar o Plan Director de Mobilidade Alternativa de Galicia.

Ao Concello de Poio achácaselle pola súa banda a prohibición do paso de bicicletas pola Senda da Ostreira "sen buscar outras solucións" aos problemas de espazo e convivencia que se daban nesa zona, solicitando á súa vez a creación dunha ruta para bicicletas e peóns entre Combarro e Pontevedra.

En canto a Marín, en concreto en alusión ao concelleiro Antonio Traba, a Tartaruga de Prata xustifícase na decisión de non completar o carril bici ata Aguete "polo único motivo da perda de prazas de aparcadoiro".

Por último dirixíronse ao Concello de Pontevedra e ao seu concelleiro Demetrio Gómez, porque a pesar da súa visión "progresista" no que a mobilidade e seguridade viaria refírese "está a esquecer que non todos os usuarios de bicicleta son capaces de circular pola calzada", polo que reclaman a creación de vías ciclistas para acceder a lugares como Monte Porreiro ou Cerponzóns.