Recollen 180 quilos de residuos do fondo mariño no Porto de Marín para convertelos en poliéster

Marín
07 de xullo 2026
Actualizado: 21:01

A frota pesqueira local lograba extraer estes refugallos no marco do programa nacional 'Upcycling the Oceans' de reciclaxe

Lixo mariño recollido no Porto de Marín Autoridade Portuaria de Marín

A Autoridade Portuaria de Marín rexistrou a recollida de máis de 180 quilos de lixo mariño no primeiro semestre de 2026.

A iniciativa céntrase na limpeza dos fondos mariños e na posterior introdución dos materiais recuperados nos circuítos de economía circular.

Con este programa, a rada marinense dá continuidade á súa traxectoria en proxectos de xestión de residuos e protección da contorna acuática, tras participar previamente en campañas como Repesca Plas, Pescal, Nada pola Borda, 3R Fish, Circazul ou ML Style.

O proceso operativo de Upcycling the Oceans comeza co transporte a terra dos refugallos extraídos polas embarcacións. Unha vez no porto, os materiais compáctanse e envíanse a plantas de clasificación especializadas para o seu posterior tratamento.

Os residuos de plástico PET transfórmanse en granza, un material que posteriormente se procesa para obter o fío denominado "Mar de Mar". Este compoñente emprégase na confección de pezas de vestir compostas por poliéster 100% reciclada.

Ademais da retirada física de plásticos e outros materiais, o proxecto inclúe unha vertente de investigación e monitorización científica. En colaboración coa plataforma Marnoba, realízase unha catalogación dos residuos obtidos.

Desta forma, determínase a cantidade exacta, a localización xeográfica e o grao de dispersión do lixo mariño na zona, co obxectivo de xerar datos que permitan deseñar fórmulas de prevención contra a contaminación no litoral de Galicia.

Esta retirada de residuos execútase a través do proxecto medioambiental Upcycling the Oceans, unha iniciativa coordinada pola Fundación Ecoalf e Ecoembes que conta co respaldo da Xunta de Galicia desde a firma do seu convenio en 2024.