Recollen outra denuncia dunha nova vítima das accións do exhibicionista de Lourido

Poio
02 de outubro 2021

Segundo informa a Policía local de Poio, neste novo caso os feitos producíanse o 23 de setembro e o exhibicionista chegou contactar de maneira verbal coa vítima, expresando a súa intención de masturbarse pensando nela mentres a muller recollía as súas pertenzas para marchar da contorna da praia

Policía Local de Poio na praia de Lourido
Policía Local de Poio na praia de Lourido

A Policía Local de Poio rexistraba este sábado unha nova denuncia derivada do acoso do  exhibicionista de Lourido. Unha muller identificou o home autor destes actos, despois de ver as denuncias públicas en redes. 

Esta vítima sufriu un incidente similar aos achegados por outras mulleres durante os últimos días. No seu caso, o venres 23 de setembro, na contorna da praia de Lourido, foi cando comprobou a presenza deste home masturbándose e sacándolle fotografías, como sucedeu co resto de vítimas. 

Ademais, neste caso, segundo informa a Policía Local, o home chegou a contactar coa muller de forma verbal para expresarlle a súa intención de masturbarse pensando nela, mentres a bañista recollía as súas pertenzas coa intención de abandonar a zona.

Desde a Policía Local alertan da importancia de denunciar este tipo de feitos que vulneran os dereitos das persoas no espazo público. Segundo informan, os axentes teñen constancia de máis casos similares non denunciados polas vítimas.