O Día de Galicia celebrouse este venres en Poio cun recoñecemento ás pandereteiras de Vides Novas e Ronsel pola súa "valiosa contribución á preservación e difusión da cultura galega".
O alcalde, Ángel Moldes, destacou o papel fundamental destas mulleres que, a través das súas cantigas, manteñen viva a tradición, a lingua e a identidade galegas xeración tras xeración.
Asegurou que este recoñecemento, que o Concello iniciou o ano pasado con vocación de permanencia, é unha forma de facer "xustiza", pois supón "distinguir e premiar a quen leva décadas contribuíndo, co seu talento e compromiso, á promoción da nosa cultura".
Moldes subliñou que o 25 de xullo "é un día para poñer en valor o sentimento galego, un sentimento integrador, que nos une a todos e a todas sen exclusións. O orgullo de ser galego non pertence a ninguén, é de todos os galegos e galegas".
Neste sentido, insistiu en que o Concello de Poio aposta por celebrar este día cun acto institucional aberto e participativo, para celebrar todo o que une, sen divisións, apostando pola integración de todas e todos os veciños: "traballamos cada día para que Poio sexa un concello de todos e para todos: participativo, transparente, plural, orgulloso da súa identidade e comprometido co futuro".

O acto institucional celebrouse na Praza de Arís, dentro da filosofía do Concello de descentralizar os eventos e dar protagonismo a todos os barrios: O ano pasado organizouse no Pereiro, o anterior en Liñares, e o vindeiro ano continuarán esta itinerancia.
O acto incluíu a entrega de bandeiras aos dez colectivos que se inscribiron no rexistro municipal de asociacións no último ano, entre as que se inclúen AC Virxe de Fátima, Club Reserpon-Suinpo, Club Sporting Campelo, Asociación Benéfica Veciños Divino Salvador de Poio, Ceiterio Veciñal de Combarro, ANPA Vita Alegre do CEIP Espedregada, Asociación Empresarial EnPoio, Club Deportivo grupo 7 a 9, AVCR Vilariño e Asociación Comisión de Festexos de Combarro.
"Unha cifra moi importante que evidencia o dinamismo social do que podemos presumir en Poio e que fortalece un tecido asociativo plural e moi activo, que é un orgullo para toda a veciñanza".
A programación elaborada polo Concello de Poio para conmemorar o Día de Galicia péchase este sábado 26 en Combarro coa actuación do grupo de música e baile tradicional Cantigas e Agarimos.
Será na Praza da Chousa, ás 21.30 horas, dentro do ciclo DANZA3 da Axencia Galega das Industrias Culturais.
