Recoñecemento a Policía e Bombeiros polo rescate do mozo do Lérez: "Esperemos que sirva como aviso para a prudencia"

Pontevedra
12 de agosto 2025
Actualizado: 15:54

"Non parece que houbese nada estraño máis aló de que se lanzou nunha zona moi perigosa", comentou Eva Vilaverde.

Operativo de rescate na ponte das Palabras en Monte Porreiro
Operativo de rescate na ponte das Palabras en Monte Porreiro / PontevedraViva

A concelleira de Seguridade Cidadá do Concello de Pontevedra, Eva Vilaverde, desexoulle unha "recuperación satisfactoria" ao adolescente de 17 anos, veciño de Marín, que foi rescatado na tarde deste luns do Lérez en Monte Porreiro, despois de lanzarse ao río desde a ponte das Palabras.

Igualmente a edil nacionalista trasladou "o recoñecemento deste goberno ao traballo realizado polos corpos de seguridade deste Concello, tanto Policía Local como Bombeiros".

Segundo destacou Eva Vilaverde "desenvolveron e cumpriron co seu labor de maneira encomiable" tanto no rescate do menor "que foi localizado en tempo récord e sacado á superficie" como na súa reanimación.

Os servizos de emerxencia municipais estiveron practicandole a quendas a reanimación cardiopulmonar ata que chegaron os sanitarios coa ambulancia medicalizada e puideron trasladalo ao hospital.

"Por tanto, moi bo labor e esperamos que este esforzo desemboque nunha recuperación satisfatoria que todos desexamos", reiterou a concelleira.

Sobre as circunstancias nas que se produciu o suceso, o aviso ao 112 tivo lugar sobre as 19.45 horas, cando outras persoas viron como o mozo se lanzaba á auga e non volvía aparecer.

O mozo estaba en compañía doutras persoas e descartouse que se trate dun intento de suicidio, aínda que a Policía Nacional ten aberta unha investigación para esclarecer todas as circunstancias deste suceso.

"Non parece que houbese nada estraño máis aló de que se lanzou nunha zona moi perigosa e máis alá do risco tomado sen ter que tomarse", comentou Eva Vilaverde.

A responsable municipal de Seguridade Cidadá reiterou que "esperamos que todo quede nun susto e que sirva para como aviso para a prudencia e evitar situacións tan perigosas como esta" que, segundo engadiu, "xa tivo consecuencias graves".