A Deputación de Pontevedra celebrou este xoves, no Salón de Plenos do Pazo Provincial, a novena edición dos Premios Provinciais á Xuventude, unha cita que se consolidou como escaparate do talento mozo da provincia.
Nesta ocasión, repartíronse 39 galardóns en 12 categorías relacionadas coas artes, a investigación e o compromiso social, nunha convocatoria que bateu récords con 111 candidaturas, once máis ca o ano pasado.
O presidente provincial, Luis López, reivindicou que para impulsar o talento da mocidade "nin TikTok, nin Twitch, nin Spotify... nin nada que se asemelle. A mellor posible é a plataforma Rías Baixas", afirmou, antes de felicitar aos premiados.
A gala, conducida pola xornalista Bibiana Villaverde, contou coa actuación musical de André Touza, gañador na pasada edición na categoría de Traballo Musical.
Xunto a López, tamén participou o deputado de Xuventude, Jorge Cubela, quen destacou que apoiar á mocidade "é apostar pola vangarda, a creatividade, a enerxía e o progreso". Cubela subliñou que, fosen ou non premiados, "escoitaranse todas as preocupacións e demandas da mocidade, porque o futuro da provincia pasa por ela".

Entre os galardóns entregados destacou unha nova categoría, a Iniciativa Xuvenil dos Concellos, que recoñeceu o labor dos municipios de Gondomar e Ponteareas. Os primeiros premios recaeron en proxectos e talentos de moi diversas disciplinas:
- Agrupación Musical do Rosal (Iniciativa de Interese Xuvenil)
- IES de Chapela (Educación en Valores)
- Asociación FOCO da Guarda (Iniciativa Empresarial)
- Denis Carballas, de Vigo (Banda Deseñada)
- Rosalía Quiroga e Eire García, da Guarda (Contido Audiovisual)
- Luiselena Tilve, de Pontevedra (Deseño e Moda)
- Laura Paz, da Illa de Arousa (Fotografía Orixinal)
- Xoán Moreiras, de Mondariz (Serie Fotográfica)
- Andrea Dávila, de Pontevedra (Investigación en Artes)
- Salvador Román, de Vigo (Investigación en Ciencias)
- Fabio Rivas, de Pontevedra (Narrativa e Poesía)
- Sara Mínguez (Traballo Musical)
A diversidade de procedencias, 17 concellos de varias comarcas, volveu poñer de manifesto que o talento mozo está espallado por toda a provincia.
Ao peche da cerimonia, na que tamén participaron representantes de entidades vinculadas á xuventude, o presidente Luis López reafirmou o compromiso da Deputación con este sector. Lembrou que desde 2023, e xa co orzamento de 2026 aprobado, destinaranse 4 millóns de euros a programas específicos, entre eles o Plan Estratéxico de Xuventude, accións de saúde mental, o programa +Xuventude para iniciativas emprendedoras ou o equipamento de locais de asociacións xuvenís a través de O Teu Espazo Xuvenil.
"Este ano sobran motivos para sentirse orgullosos da nosa mocidade", concluíu López, agradecendo a implicación e a creatividade dunha xeración chamada a marcar o futuro da provincia.