Os traballos de mellora na aldea de Fontecova, en Cuntis, entran na súa recta final.
A previsión, segundo confirmou o alcalde Manuel Campos, é que poidan concluír ao longo da próxima semana.
Esta obra tiña como obxectivo mellorar o firme nun tramo do camiño de acceso ao núcleo rural, de algo máis dun quilómetro. Ademais procedeuse a habilitar bandas redutoras de velocidade.
Como complemento están a realizarse tamén traballos de acondicionamento e mellora de dous elementos de valor etnográfico e cultural como son un lavadoiro e unha fonte.
O importe desta actuación ascende a 92.580 euros, dos cales o 72% sufrágase con fondos do Plan Concellos da Deputación e o 28% restante a cargo do Concello de Cuntis.