Na madrugada deste mércores os mergulladores da Garda Civil recuperaron o corpo sen vida do mozo desaparecido no río Verdugo tras lanzarse á auga desde a ponte medieval de Comboa.
Até este enclave do municipio de Soutomaior acudiron os pais do mozo falecido. Alí tamén estaba a moza coa que saltou.
Os feitos ocorreron ás 19:40 horas do martes.
Un particular que se atopaba no lugar alertou ao 112 Galicia de que dúas persoas acababan de saltar ao río desde a ponte medieval.
Segundo relatou esta testemuña ao 112, mentres a muller logrou saír da auga sen dificultades, non conseguían localizar ao home. Ambos son veciños de Vigo.
Tras recibir o aviso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activaron un operativo.
Segundo detallou o 112 neste dispositivo de procura participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, axentes da Garda Civil, o GES de Mos e voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade Oitavén-Tea. Tamén se informou aos Bombeiros do Morrazo.
Igualmente algúns veciños da zona sumáronse aos labores de rastrexo.