Recupérase o diálogo entre os representantes sindicais e o Concello de Pontevedra

Pontevedra
04 de maio 2022

Os delegados de AFUMPO, CCOO, CIG, CSIF, SPPME e UXT no Concello de Pontevedra, mantiveron este mércores unha reunión coas concelleiras, Carme Fouces e Eva Villaverde, e o director de Recursos Humanos, José Manuel González Abal

Rolda de prensa da Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra Mónica Patxot

Os delegados de AFUMPO, CCOO, CIG, CSIF, SPPME e UXT no Concello de Pontevedra, mantiveron este mércores unha reunión coas concelleiras, Carme Fouces e Eva Villaverde, e o director de Recursos Humanos, José Manuel González Abal.

A reunión levou a cabo despois dun novo desencontro entre ambas as partes por mor da convocatoria desta cita.

Á saída do encontro os representantes sindicais lamentaron que sobre a mesa non houbese "ningún documento novo sobre o que traballar, nin proposta concreta distintiva á xa presentada. Púxose en evidencia que se trataba máis dunha sobreactuación para contraprogramar a convocatoria feita polos sindicatos, que unha vontade real de dialogo".

Os sindicatos con representación na Xunta de Persoal recoñeceron que nesa reunión vivíronse "momentos tensos e con reproches por ambas as partes".

Pero, como "mostra de boa vontade", a representación legal dos traballadores do Concello propuxo que a próxima semana Carmen Fouces convoque unha mesa de negociación coa orde do día consensuado e que incluiría a aprobación do regulamento das mesas de negociación do Concello de Pontevedra e a actualización e aplicación do acordo da relación de postos de traballo aprobado na mesa xeral de negociación no ano 2019 e aprazado polo Goberno pola pandemia.

Nesa mesa de negociación tamén se abordaría o proceso de estabilización Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución dá temporalidade no emprego público.