A reforma interior da casa consistorial, Premio de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia

Pontevedra
26 de novembro 2025
Actualizado: 19:52

Foi, segundo o xurado destes premios, unha intervención "de calidade" que logrou "realzar a beleza" do edificio e prestar un mellor servizo aos empregados municipais e á cidadanía

Inauguración da casa consistorial

Pontevedra tivo un gran protagonismo na quinta edición dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia que se entregaron este mércores en Santiago de Compostela.

E é que a reforma da casa consistorial, un proxecto de Gracia Amandi e Jorge de Uña, foi recoñecida con este galardón na categoría de rehabilitación.

Foi, segundo o xurado, unha intervención "de calidade" que logrou "realzar a beleza" do edificio e prestar un mellor servizo aos empregados municipais e á cidadanía.

Así o destacou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que foi a encargada de presidir esta entrega de premios.

Na súa intervención, Martínez Allegue encomiou o "talento e excelencia" dos arquitectos galegos, unha profesión "versátil e innovadora" que contribúe ao desenvolvemento de Galicia e que "sempre ofrece solucións" ás demandas da cidadanía.

Estes Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia recoñeceron ademais as traxectorias de tres destes arquitectos: Jesús Irisarri, Guadalupe Piñera e Roberto Medín.

Irisarri e Piñera, por exemplo, son os autores, entre outras actuacións, da Facultade de Ciencias de Educación do campus universitario de Pontevedra.

Entrega do premio de arquitectura a Jesús Irisarri, Guadalupe Piñera e Roberto MedínXunta de Galicia

Entre os premiados estiveron tamén o ascensor Halo de Vigo, Alexandre Mouriño, José Carlos Núñez de Oliveira e Miguel Sacristán Montesinos; e un edificio de 34 vivendas no barrio compostelán de Santa Marta, dos arquitectos Manuel Carbajo e Celso Barrios.

Na categoría de sustentabilidade, pola súa banda, a actuación recoñecida foi a reforma do centro de saúde do Porriño, deseñada polas arquitectas Cristina Ezcurra e Cristina Ouzande.

A todos eles sumouse a mención especial que, no ámbito de restauración e arquitectura da paisaxe, recibiron Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo, autores da ampliación e deseño do hotel restaurante de Pepe Vieira en Raxó.