A XIV edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética 'Con barqueira e remador' regresa do 29 de setembro ao 4 de outubro ao arquipélago de San Simón e, como é habitual, terá parada en Pontevedra.
Ao longo da semana Pontevedra acollerá un pequeno circuíto de recitais abertos e gratuítos que combinan poemas nas linguas de orixe con versions galegas preparadas para a ocasión.
A primeira lectura aberta ao público terá lugar o mércores 1 de outubro ás 19:30 horas na Libraría Metáfora.
O venres 3 ás 12.00 horas o Principal acollerá un recital matinal concertado con alumnado de secundaria de diferentes centros de ensino da cidade ao que tamén pode asistir público xeral.
Seis voces de procedencias e percorridos moi diversos participarán nesta cita coordinada por Yolanda Castaño.
A representación pontevedresa chegará da man da viguesa Oriana Méndez, poeta, tradutora e docente que exerce como anfitrioa lingüística e literaria desta edición. Será a encargada de preparar as versións ao galego e de acompañar o diálogo entre linguas que vertebra o obradoiro.
Participarán Louis de Paor (Cork), un dos nomes centrais da poesía en irlandés, moi activo na difusión da súa lingua e con ampla traxectoria académica e internacional.
Tamén a poeta, narradora e tradutora ucraína Halyna Kruk, cunha obra moi recoñecida fóra do seu país e con presenza habitual en festivais e premios internacionais.
A poeta india en lingua canaresa Reshma Ramesh, dinamizadora de accións poéticas no espazo público e artista visual, con textos vertidos a numerosas linguas, tamén participará.
Veronika Dintinjana (Eslovenia), poeta e tradutora con experiencia en proxectos que conectan poesía, lectura e comunidade, tamén estará.
Completa a programación Antonio Andreu Sanz (Huesca), poeta en lingua aragonesa, galardoado en certames de referencia e comprometido co impulso e visibilidade do aragonés.