A Consellería de Medio Ambiente e Cambio climático ven de rematar as obras de mellora da seguridade da ponte colgante do río Verdugo.
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; o alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo e o director territorial de Medio Ambiente, Nicolás Lorenzo, visitaron este mércores a zona.
"Estamos moi satisfeitos co resultado, posto que se trata dun lugar moi turístico do municipio e cunha praia fluvial moi utilizada tanto por veciños como por visitantes", sinalou a representante autonómica durante o percorrido.
Os traballos consistiron na substitución do piso da ponte, instalando novas táboas de madeira e eliminando os espazos entre placas que dificultaban a mobilidade. Ademais, incrementouse a seguridade dos anclaxes e colocouse unha rede nas barandas da ponte.
A actuación tamén mellorou as escaleras de baixada á praia fluvial para comodidade dos usuarios e a súa seguridade.

PETICIÓNS DO ALCALDE
O alcalde aproveitou o encontro coa delegada territorial para solicitar unha reunión coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para abordar os problemas nas rúa Xosé Solla e Roxelio Landeiro, de titularidade autonómica.
Manu Lourenzo lembrou que a rúa Xosé Solla "está nun estado que obriga a realizar actuacións canto antes".
Neste senso dende o Concello solicitan que a Xunta "sexa consciente da situación" na que está o núcleo urbano de Arcade con "situación de perigosidade", ou con estradas, como é o caso da N-244, que conta con beirarrúas de apenas 40 centímetros.