Renfe ofrecerá dúas viaxes máis entre Santiago e Vigo os días 12 e 18 de outubro para atender a demanda estudantil

Pontevedra
09 de outubro 2020
Actualizado: 18:46

O primeiro dos trens que se incrementa partirá da estación de Vigo Guixar ás 18.20 horas con destino a Santiago, con hora prevista de chegada ás 19.56 horas. O tren que procede de Santiago está previsto que parta ás 20.45 da estación compostelá para chegar a Vigo Guixar ás 22.14 horas

Estación de tren de Pontevedra
Estación de tren de Pontevedra / PontevedraViva

O domingo 4 de outubro decenas de pasaxeiros, na súa maioría estudantes que tiñan como destino a estación de Santiago, quedaban sen poder acceder ao transporte ferroviario. A demanda de usuarios de trens en Pontevedra superaba á oferta que Renfe programaba co inicio do curso universitario.

Agora, a compañía ferroviaria decidiu resolver, en parte, esta situación para os próximos días luns 12 e domingo 18 de outubro. Segundo anuncian, os venres e domingos, os servizos do Corredor Atlántico refórzanse con máis de 3.000 prazas adicionais a través de dous trens de Media Distancia, un por sentido, entre Santiago e Vigo Guixar.

O primeiro dos trens que se incrementa partirá da estación de Vigo Guixar ás 18.20 horas con destino a Santiago, con hora prevista de chegada ás 19.56 horas.

O tren que procede de Santiago está previsto que parta ás 20.45 da estación compostelá para chegar a Vigo Guixar ás 22.14 horas, con paradas na maior parte das estacións do percorrido, segundo anuncian desde Renfe.

A compañía afirma que, tanto os venres como os domingos, cando normalmente se produce un maior tráfico de estudantes, se duplican as prazas doutros once trens: sete os venres e catro durante os domingos. Sinalan que se incorporan 3.000 prazas adicionais durante as fins de semana nos traxectos entre A Coruña-Santiago-Vigo.

CRÍTICAS DA CGT

Dende CGT reclaman que, ademais deste reforzo que se concentra no horario de tarde, Renfe amplíe a reposición de trens a primeira hora da mañá, como o tren das 06:58 Vigo-Compostela, que dá servizo a Redondela, Arcade, Catoira, Ponte Cesures e Padrón e que era utilizado por viaxeiros destes puntos e a súa bisbarra para desprazarse a traballar a Pontevedra, Vilagarcía e Santiago de Compostela.

Cos actuais horarios dende as 5:13 da mañá que sae o primeiro tren de Vigo, segundo esta forza sindical, estes viaxeiros carecen doutro tren ata as 9:45 horas, máis de 4 horas sen servizo ferroviario na franxa mais demandada polas persoas que utilizan este transporte nos seus desprazamentos por motivos laborais ou de estudos.